Moreira acusa de "cínico" a Lores por criticar as corridas de touros mentres subvenciona a empresa da praza

Pontevedra
12 de agosto 2014

O Partido Popular defende que se apoie economicamente a feira taurina e denuncia a nula publicidade dada en anos anteriores ao convenio do goberno local cos irmáns Lozano

Miguel Anxo Fernández Lores e Jacobo Moreira no Pleno municipal
Miguel Anxo Fernández Lores e Jacobo Moreira no Pleno municipal

O voceiro da oposición, Jacobo Moreira, cualificou de "extremadamente cínico" que o goberno que lidera Miguel Anxo Fernández Lores critique os espectáculos taurinos e ao mesmo tempo subvencione a empresa da praza. Segundo o presidente do Partido Popular local, "o de Lores coas corridas de touros é outra mostra da súa hipocrisía" e sinala que dende o goberno municipal se aplaude en silencio os evidentes beneficios económicos e turísticos que supoñen para a cidade de Pontevedra.

Os populares defenden que se subvencione esta feira e denuncian a nula publicidade que o goberno local ofreceu en anos anteriores ao convenio que manteñen cos irmáns Lozano, propietarios do recinto taurino.

"Que o Concello estea a dar 47.500 euros á empresa da praza e que ao mesmo tempo o alcalde se postule de forma vehementemente contra as corridas de touros só é unha mostra máis dunha hipocrisía que debería incomodalo" afirma Jacobo Moreira e engade que a Lores "nin sequera lle importa que o seu socio de goberno apoie con entusiasmo estes eventos, nin que algún dos seus concelleiros do grupo nacionalista sexa un habitual no coso de San Roque".

Moreira aproveita para criticar que, ao seu entender, o alcalde mantén con frecuencia posturas contraditorias. Neste sentido, o voceiro popular refírese aos quince anos que Lores pasou criticando o sistema do tratamento de residuos sólidos urbanos de Sogama ata que "a Deputación lle abrise finalmente a porta a unha hipotética saída para a súa hipócrita postura", indica nun comunicado.

Do mesmo modo, fai referencia ás críticas do alcalde ás grandes corporacións financeiras, económicas e industriais "mentres permite que en Pontevedra os principais servizos urbanos estean en mans de grupos empresariais foráneos de similar envergadura".