5.500 sinaturas en dous días para pedir que se suprima o convenio municipal coa Praza de Touros

Pontevedra
16 de agosto 2014

A Fondation Franz Weber, organización internacional con base en Suíza, remitiu esta semana unha carta a Lores e Carme da Silva para solicitar medidas contra as corridas de touros sobre a base das capacidades competenciais do Goberno local

Manifestación convocada por 'Touradas fóra de Pontevedra'
Manifestación convocada por 'Touradas fóra de Pontevedra' / PontevedraViva

En menos de 48 horas a plataforma 'Galicia, Mellor Sen Touradas' e a Asociación Animalista Libera conseguiron a sinatura de máis de 5.500 persoas para pedir ao Concello de Pontevedra que renuncie ao convenio por 47.500 euros anuais subscrito coa empresa propietaria da Praza de Touros para empregar o coso de San Roque durante 2014 e 2015.

Ambos os dous colectivos iniciaron unha petición internacional a través da plataforma Change.org de activismo dixital e sosteñen que este apoio recollido en menos de dous días demostra o impacto que o citado convenio tivo no conxunto da cidadanía.

Os impulsores anuncian que intentarán multiplicar estes apoios durante as próximas semanas para pedir que o Concello capitalino free este tipo de convenios, pois o Goberno municipal asinou acordos nesta liña dende o ano 2000, outorgando decenas de miles de euros a empresarios "que se lucran co maltrato animal". En 1999 retirou as subvencións directas ás corridas de touros, pero mantén estes convenios económicos.

Segundo os datos que achegan na peticón de Change.org, dende o ano 2000, o Concello de Pontevedra puido desembolsar máis de 500.000 euros para a "programación cultural" na praza de touros, o que supón unha achega millonaria que logo se emprega en desenvolver toda a maquinaria taurina necesaria para programar festexos taurinos cada ano.

En opinión destes dous colectivos, o acordo é moi beneficioso para os taurinos, xa que faculta para o emprego de megafonía en vehículos ou a colocación de publicidade agresiva da feira taurina en mobiliario público, ademais de poder sacar rédito económico do bar da praza de touros se a casa do concello solicita o seu uso.

Animalistas e abolicionistas cuestionan a idoneidade dunha firma que só favorece o transvasamento de diñeiro público a organizadores de corridas de touros, subvencionando de forma indirecta a feira taurina que cada ano ten lugar no municipio durante o mes de agosto.

A Fondation Franz Weber pide por carta ao Concello medidas contra as touradas

Ademais, ambos os dous colectivos sinalan que a Fondation Franz Weber, organización internacional con base en Suíza, remitiu esta semana unha carta ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Festas, Carme da Silva, para solicitar medidas contra as corridas de touros sobre a base das capacidades competenciais do goberno local, explicando que a postura do grupo maioritario do bipartito que xestiona Pontevedra choca coa realización de acordos económicos como o denunciado polos colectivos impulsores da petición.

Rubén Pérez, voceiro dos abolicionistas, considera que o convenio non pode ser un obxectivo irrenunciable, e que apoiarán ao BNG se decide cooperar no inicio dun proceso abolicionista municipal, tal e como colaboraron con outros grupos municipais dos nacionalistas en cidades como A Coruña, Sarria e Padrón, así como no Parlamento galego, á vez que criticou a situación bipolar do PSdeG, que apoia segundo o lugar as reivindicacións abolicionistas ou dá soporte aos grupúsculos taurinos.