Animalistas e abolicionistas celebran o anuncio da revisión do convenio da Praza de Touros

Pontevedra
19 de agosto 2014

A Asociación Animalista Libera e a plataforma 'Galicia, Mellor Sen Touradas' calculan que medidas alternativas sería menos costosa que o actual desembolso económico de 95.000 euros anuais coa empresa propietaria do recinto

Manifestación convocada por 'Touradas fóra de Pontevedra'
Manifestación convocada por 'Touradas fóra de Pontevedra' / PontevedraViva

A Asociación Animalista Libera e a plataforma 'Galicia, Mellor Sen Touradas' mostraron a súa satisfacción polo anuncio realizado pola concelleira de Fiestas, Carme da Silva, de que se está a analizar o convenio coa Praza de Touros para acometer algunha reforma. Estes colectivos consideran que o convenio actual que supón un desembolso de 95.000 euros entre 2014 e 2015 debería suprimirse e reclaman ao goberno local unha postura máis contundente contra as corridas de touros.

Animalistas e abolicionistas levan recollidas máis de 8.000 sinaturas para apoiar a demanda de rescisión do actual convenio que, segundo denuncian, contén "evidentes vantaxes" para os empresarios taurinos. Neste sentido afirman que o acordo lles permite empregar sistemas de propaganda sonora en vehículos e facilidades para situar grandes estruturas metálicas con publicidade, aspectos que, segundo denuncian, non se autorizan para outra clase de eventos.

Ademais, estes colectivos entenden que o promotor do espectáculo tauromáquico debería pagar a factura do dispositivo policial e de tráfico que se realiza con motivo da celebración das corridas de touros.