Máis de 30.000 sinaturas en once días para que se suprima o convenio municipal coa Praza de Touros

Pontevedra
26 de agosto 2014

A petición iniciouna a asociación Animalista Libera coa colaboración da plataforma 'Galicia, Mellor Sen Touradas' a través da plataforma Change.org. Nela aproveita para denunciar que a Praza de Touros de Pontevedra é a única que se mantén activa no territorio galego. Márcanse un horizonte de 40.000 firmas, que supoñería a maior iniciativa que se desenvolvese en Pontevedra

Manifestación convocada por 'Touradas fóra de Pontevedra'
Manifestación convocada por 'Touradas fóra de Pontevedra' / PontevedraViva

Entre o 14 de agosto e este luns 25, isto é, en tan só once días, máis de 31.500 persoas asinaron a petición on-line creada para pedir ao Concello de Pontevedra que suprima o convenio que asinan coa empresa propietaria da Praza de Touros por 47.500 euros anuais no período 2014-2015.

A petición iniciouna a asociación Animalista Libera coa colaboración da plataforma 'Galicia, Mellor Sen Touradas' a través da plataforma Change.org. Nela aproveita para denunciar que a Praza de Touros de Pontevedra é a única que se mantén activa no territorio galego.

Dende Libera fixeron pública unha valoración positiva das firmas recollidas, que cren que demostran o "grande interese cidadán" que suscita a iniciativa para suprimir un acordo que supoñerá un desembolso das arcas públicas de 95.000 ⿬ en tan só dous anos. Libera se marca nesta petición un horizonte de 40.000 firmas, que supoñería a maior iniciativa de recollida de firmas que se desenvolvese en Pontevedra.

Os animalistas denuncian que o convenio recolle "evidentes vantaxes" para os promotores taurinos, como unha permisividade absoluta coa colocación de agresiva publicidade, en grandes elementos metálicos que contraveñen calquera recomendación sobre accesibilidade en ámbitos urbanos, así como a ruta "sonora" dun vehículo con megafonía, extremo que se está prohibido noutros municipios da comunidade.

Neste sentido dende a organización animalista sinalan como a propia empresa responsable das corridas de touros en Pontevedra foi expedientada por concellos da provincia pola colocación ilegal de publicidade en ámbitos protexidos, extremo que se permite e mesmo facilita co convenio pontevedrés.

O voceiro de Libera, Rubén Pérez, móstrase esperanzado polo cambio de actitude do goberno municipal, e no feito de que as decenas de miles de firmas estean a contribuír a cambiar unha dinámica de 14 anos de convenios e de subvencións indirectas a un espectáculo de maltrato e violencia. Agarda que o Concello anuncie a revisión do convenio e tome a determinación de buscar alternativas para o uso dun espazo actualmente infrautilizado por decisión dos propios promotores taurinos.