Propoñen unha consulta cidadá entre os pontevedreses sobre o convenio taurino

Pontevedra
09 de setembro 2014

A Asociación Animalista Libera e a Fondation Franz Weber lanzan a proposta

Praza da Toros de Pontevedra
Praza da Toros de Pontevedra / Diego Torrado

Días despois de que a concelleira de Festas, Carme da Silva, anunciase que o Concello de Pontevedra manterá a integridade do convenio bianual asinado con empresarios taurinos, a análise realizada conxuntamente pola Asociación Animalista Libera e da Fondation Franz Weber cuestiona a idoneidade do acordo, e aposta por "vías de participación cidadá" para consultar sobre a súa continuidade.

Ambos os dous colectivos sinalan a posibilidade de que a casa do concello pontevedresa convoque unha consulta popular para que sexa o conxunto da cidadanía quen decida sobre se se debe manter o convenio no seu conxunto, débense revisar e eliminar algúns apartados, ou se se debe rescindir completamente. Os animalistas entenden que o desembolso para estes dous anos (2014-2015) de 95.000 euros supera con moito a utilidade que o goberno municipal pode dar ás instalacións.

Neste sentido, e como apuntou a pasada semana a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas, existe alternativas factibles á propia praza de touros, como o campo de fútbol de Pasarón ou o Recinto Feiral, e mesmo se poden empregar os espazos públicos para adaptalos a toda clase de actividades, como se vén facendo para a programación musical das Festas da Peregrina.

Dende a entidade suíza entenden que a mensaxe enviada dende Pontevedra a favor do mantemento dun acordo económico coa armazón taurina supón un "grave erro estratéxico" do grupo de goberno. De feito, os animalistas helvéticos cuestionan o "suposto aforro" mostrado nun estudo que nunca se divulgou con anterioridade, e que "parece elaborado ex profeso para tratar de defender a subvención".

A Asociación Animalista Libera tamén pon en dúbida a vantaxe comparativa de pagar por usar a praza de touros a prezos que están absolutamente fóra do "mercado" e das comparativas con recintos similares, como o Multiúsos de Illumbe, en San Sebastián, ou o Coliseum da Coruña.

Tamén existen coincidencias argumentais das organizacións animalistas en relación ás "prebendas outorgadas polo propio concello á empresa organizadora dos eventos taurinos". O propio convenio permite a instalación libre de publicidade agresiva visualmente en mobiliario público, así como a ruta de vehículos con megafonía, extremos que noutros municipios galegos están regulados ou directamente prohibidos.

Finalmente propoñen que o hipotético referendo se celebre en coincidencia coa convocatoria de eleccións municipais, co conseguinte aforro de medios e fondos para a administración local. Os animalistas reclaman esta ferramenta como recuperación da democracia directa e a promoción da participación cidadá en asuntos que lles poden interesar, como o feito de estar pagar decenas de miles de euros a unha empresa que se lucra con espectáculos de maltrato animal.