Touradas fóra de Pontevedra inicia unha campaña contra o convenio entre Concello e Praza de Touros

Pontevedra
27 de setembro 2014

O colectivo insistirá na petición de reunirse co alcalde de Pontevedra. Miguel Anxo Fernández Lores. "Entre as nosas demandas encóntrase a da finalización de calquera colaboración directa ou indirecta por parte das institucións públicas", aseguran

Touradas Fóra de Pontevedra inicia unha campaña contra o convenio coa praza
Touradas Fóra de Pontevedra inicia unha campaña contra o convenio coa praza / Diego Torrado

Un sinxelo acto ante a praza de touros de Pontevedra serviu ao colectivo Touradas Fóra de Pontevedra para presentar a campaña que ten previsto iniciar en contra do convenio subscrito entre Concello e os empresarios do coso pontevedrés.

A plataforma cualifica como " trascendental a fin dos subsidios directos do Concello desde a chegada á corporación do BNG hai agora 15 anos", pero critica a colaboración para realizar actividades non taurinas e que supón 47.500 euros anuais, segundo o recoñecido polo goberno local.

Touradas Fóra de Pontevedra sinala que "entre as nosas demandas se encontra a finalización de calquera colaboración directa ou indirecta por parte das institucións públicas", polo que prepara unha serie de actos que non quixo desvelar polo momento.

Ademais o colectivo incidirá na petición de reunirse co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ao que pedirán que declare á cidade como "amiga dos animais".

Esta semana a plataforma cidadá presentará, vía rexistro municipal, o manifesto desta campaña e unha nova petición de reunión co rexedor capitalino.