Era unha das preguntas máis agardadas do Pleno deste mércores. Non pola súa transcendencia na vida política municipal, senón polos comentarios que xerara previamente. Jacobo Moreira interpelou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sobre a súa opinión ante a alianza do BNG con Bildu e CUP para acudir conxuntamente ás eleccións europeas. E o rexedor tirou de 'retranca' para contestar ao portavoz do PP.
Moreira, que criticou o BNG pola "indesexable postura" de abandonar a coalición europea co PNV e CIU e "abrazar" a partidos radicais como Bildu, preguntou a Fernández Lores se apoia os postulados desta formación política e sobre as consecuencias que dita decisión pode chegar a ter sobre os pontevedreses, "porque de seguir así igual chega a colgar unha pancarta de Bildu no balcón do concello".
Tras ironizar sobre que el ten a culpa tamén do tempo, porque "debe ser unha represalia aos pontevedreses", ou porque nas eleccións europeas haxa circunscripción única e que formacións de ámbito autonómico "teñan que ir en coalición con outras", unións que cualificou como "de mera oportunidade e bastante inestables", Fernández Lores propúxolle ao portavoz do PP falar doutros asuntos "de altas miras".
Neste sentido, Lores bromeou con "deixar de lado cuestión prosaicas" relacionadas co día a día municipal para centrarse en "temas de suma importancia e trascendentes mundialmente". E así propuxo debater sobre o efecto que teñen en Pontevedra a espionaxe "yanqui" a líderes mundiais ou as recentes saídas de Ortega Lara e Vidal Quadras do PP, "ou se aquí chega vostede para dividir o seu partido sen necesidade de escisións de fóra".
PREGUNTAS AO GOBERNO LOCAL
Non foi esta a única interpelación ao alcalde neste Pleno. Jacobo Moreira tamén quixo coñecer os plans do goberno municipal sobre a permanencia de Pontevedra en Sogama. Neste sentido, Fernández Lores afirmou que hai un contrato en vigor "e nós somos de respectar os contratos e os acordos", e que se está negociando coa Deputación a entrada do municipio no Consorcio Provincial que quere impulsar dita institución nesta materia.
Unha das anécdotas da xornada chegou coa interpelación sobre as obras en Santa Clara e Blanco Porto. O alcalde decidiu que contestase Antón Louro, responsable de ambos proxectos, e ante a negativa do PP a que fora o socialista quen dese explicacións, decidiu ausentarse coa escusa de ir ao baño. Louro respondeu á pregunta, xa como alcalde en funcións. En todo caso, ambas actuacións retomaranse en próximas semanas tal e como estaba previsto.
O PP tamén interrogou a BNG e PSdeG-PSOE sobre o deterioramento dunha pasarela peonil en Estribela, cuxo arranxo será priorizado, segundo Demetrio Gómez Junquera, dentro do plan de investimentos que se ultima para este barrio; sobre a construción dun skate-park en Domingos Fontán, pendente dun permiso de Costas, dixo Agustín Fernández; ou sobre a recuperación da vella escola de Marcón.
OUTRAS MOCIONES
Ademais, o Pleno debateu varias mociones que se aprobaron por unanimidade como as presentadas polo BNG para esixir á Xunta a rehabilitación integral da estación de autobuses; ou para apoiar o recoñecemento de Indicación Xeográfica Protexida para os viños producidos en Pontevedra. Tamén unánime foi o apoio á moción do PP para avanzar nun Pacto municipal sobre o emprego no marco do Consello Económico e Social (CES).
Co único apoio do goberno municipal aprobouse unha moción presentada polo PSdeG-PSOE contraria á reordenación sanitaria que obriga a pacientes de Pontevedra a desprazarse a Santiago para seren atendidos en diferentes especialidades. O bipartito tombou para rematar unha moción na que o PP esixía un apoio firme do Concello á construción do novo hospital de Monte Carrasco, ao entender que se debería apostar polo Hospital ÿnico en Montecelo.