O Partido Popular consideraba "vital" coñecer a opinión do xerente do Complexo Hospitalario de Pontevedra ante o proxecto que ultima o goberno municipal para calmar o tráfico no ámbito de Montecelo. Ese foi o eixe fundamental do encontro que mantiveron este mércores o seu voceiro, Jacobo Moreira, con José Manuel González.
Nun comunicado de prensa, os populares aseguran que tras escoitar a súa valoración ratifícanse na súa oposición a esta medida, ao considerar que non existe causa xustificada para a instalación de lombos no vial de acceso a Montecelo.
"Insistimos en que esta medida supón un prexuízo engadido para as persoas enfermas que teñen que ser trasladadas ao hospital. Non só polo malestar físico, senón tamén polo factor tempo, crucial en moitos casos", manifestou o portavoz popular.
Ademais, Moreira celebra que "por fin comece a imperar o sentido común e a cordura" entre os distintos grupos da oposición que xa manifestaron o seu rexeitamento a este proxecto.