Morre atropelado en Covelo un ciclista de Pontevedra

Poio
09 de abril 2017

O accidente produciuse ás dúas e cuarto da tarde no quilómetro 8 desta estrada, que une Pontevedra e Sanxenxo. A vítima, que ía acompañado doutra persoa, foi arroiada polo coche que conducía un home de 82 anos que, confirma a Garda Civil de Tráfico, realizou un xiro incorrecto e levou por diante aos ciclistas

Atropelo mortal a un ciclista en Covelo
Atropelo mortal a un ciclista en Covelo / Diego Torrado

Un ciclista de 36 anos de idade, veciño de Pontevedra, faleceu este domingo tras ser atropelado por un turismo na estrada PO-308, á altura de Covelo (Poio).

Segundo informou o 112 Galicia, o accidente produciuse ás dúas e cuarto da tarde no quilómetro 8 desta estrada, que une Pontevedra e Sanxenxo. Foi nas inmediacións do establecemento Alimentación Covelo

A vítima, que ía acompañado doutra persoa, foi arroiada polo coche que conducía un home de 82 anos que, confirma a Garda Civil de Tráfico, realizou un xiro incorrecto e levou por diante aos ciclistas.

Tanto o turismo como os ciclistas circulaban pola PO-308 en dirección a Pontevedra. O coche adiantáralles instantes antes e, pouco despois, realizou un cambio de sentido nunha zona que non está habilitada para iso. Foi durante ese xiro de 180 graos cando lles atropelou.

O falecido quedou baixo o vehículo. Nun primeiro momento, os servizos sanitarios trataron de reanimalo na ambulancia, pero morreu pouco despois. O outro ciclista atropelado tivo máis sorte e tan só sufriu feridas leves.

Ao lugar do accidente trasladáronse varias patrullas da Garda Civil de Tráfico, dúas ambulancias do 061 e efectivos de Emerxencias de Sanxenxo, entre outros corpos de emerxencia.

A circulación na estrada, moi transitada este domingo debido ao bo tempo, estivo interrompida durante máis dun cuarto de hora, o que provocou importantes retencións.

Este é o segundo accidente mortal que se produce nas estradas da provincia de Pontevedra desde que este venres comezase a operación saída de Semana Santa.

Un motorista de 56 anos falecía este sábado en Cerdedo tras perder o control da súa moto e saír da estrada nunha curva, chocando contra a varanda da N-541 entre Pontevedra e Ourense