Poio ofrécese á Xunta a pagar as expropiacións que permitan mellorar a seguridade viaria en Raxó e Covelo

Ponte Caldelas
15 de abril 2017

Seguindo os pasos do Concello de Ponte Caldelas, a alcaldesa en funcións de Poio, Chelo Besada, anunciou a presentación dun convenio á Xunta de Galicia para asumir o custo das expropiacións necesarias que permitan afrontar a mellora da seguridade viaria entre ambos os lugares

Andrés Díaz e Chelo Besada fronte ao Concello de Poio
Andrés Díaz e Chelo Besada fronte ao Concello de Poio / PontevedraViva

Novo capítulo na polémica aberta pola seguridade viaria na PO-308 ao seu paso polo Concello de Poio, recrudecida tras o atropelo mortal dun ciclista o pasado domingo e especialmente tras as duras declaracións da alcaldesa en funcións, Chelo Besada respostadas polo voceiro popular, Ángel Moldes

Precisamente Besada, apoiada polo alcalde de Ponte Caldelas, o tamén socialista Andrés Díaz, confirmou este sábado o seu ofrecemento á Xunta de Galicia de custear con fondos municipais a expropiacións necesarias para levar adiante o proxecto previsto en Raxó e Covelo, onde se instalarían beirarrúas para facilitar o tránsito peonil.

A semellanza de Ponte Caldelas, Poio presentará un convenio á administración autonómica na que oficializará tal ofrecemento, á espera do que decida a Xunta como titular da vía. "Agora mesmo non é cuestión de cartos, é cuestión de seguridade e de tratar de evitar que siga habendo accidentes como os que desgraciadamente estamos tendo", sinalou a alcaldesa en funcións, que pedirá ademais formalmente unha reunión coa titular de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, para tratar o que ven como "discriminación" cara ao municipio.

"Este convenio simplemente di que como ao Partido Popular non lle preocupa a seguridade viaria e pon a excusa de poñer a disposición os terreos cando sabe que é imposible, o Concello de Ponte Caldelas e neste caso tamén o de Poio pagaría as expropiacións porque nos preocupa a seguridade dos veciños", engadiu á súa vez Andrés Díaz comparando o demandado proxecto de reforma na PO-308 co prometido na estrada de Laxoso.

Díaz foi máis duro mesmo ao preguntar "canto custa para o Partido Popular un accidente, un morto ou un ferido?" antes de situar  en 40.000 euros o investimento necesario para cumplimentar estes trámites en Ponte Caldelas e "un pouco máis" no caso de Poio.

En canto ao cruzamento de declaracións aberto co portavoz do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, "prodúceme tristeza que o que pretende ser o futuro alcalde de Poio estea sempre ao lado de seu partido e non dos veciños", resolveu Chelo Besada ante os xornalistas.