"A Xunta ten unha débeda histórica con Poio e os seus intereses, desgraciadamente, páganse con mortos", así de contundente expresouse este mércores a alcaldesa en funcións do Concello de Poio, Chelo Besada.
O atropelo mortal dun ciclista, ocorrido o pasado domingo na estrada a PO-308 reactivou as queixas e denuncias que o goberno local (BNG e PSdeG) leva expondo "desde os anos 90" pola falta de seguridade neste viario, competencia da Xunta de Galicia.
Nunha rolda de prensa a alcaldesa en funcións e o concelleiro nacionalista Xulio Barreiro reclamaron "medidas urxentes de seguridade viaria". Aseguran que a cesión voluntaria de terreos particulares que propón a Xunta "non é operativa" polo que reclaman á Consellería que expropie os terreos afectados e apuntan que "o Concello de Poio está disposto a pagar o custo das expropiacións".
"O Concello de Poio está disposto a pagar o custo das expropiacións", dixo Chelo Besada
"O que están a facer agora é marear a perdiz", ao esixir ao concello a posta a disposición dos terreos, di Barreiro.
Chelo Besada cre que "hai unha discriminación total e absoluta por parte da Xunta co Concello de Poio" e citou entre outros agravios a negativa do executivo autonómico a deseñar unha alternativa a esta estrada, esixir a cesión dos terreos "cando noutros concellos é a Xunta quen expropia", non executar as melloras de seguridade nos portos de Covelo e de Raxó, ou por "negarse a recibir", tanto o presidente Alberto Núñez Feijóo como o vicepresidente Alfonso Rueda, aos membros do goberno local cando queren falar destas cuestións ou tamén do emprazamento da depuradora para Raxó, "un sinfín de despropósitos", resumiu.
"Que é o que temos que facer como gobernantes para que a Xunta actúe no concello de Poio?", preguntou a mandataria socialista. "Todo é botarlle a culpa ao goberno de Poio cando realmente nin nos reciben", lamentou.
ESTRADA ALTERNATIVA
O Concello de Poio segue reclamando un viario alternativo á estrada da costa. Xulio Barreiro lembrou que "na década dos 90" o executivo autonómico chegou a deseñar unha alternativa á estrada PO-308, que une Pontevedra e Sanxenxo, mediante un viario trazado pola saia do Monte Castrove "pero finalmente a Xunta decidiu facela polo Salnés", que é a actual autovía AG-41 "o que non resolve o problema".
Segundo lembrou Chelo Besada, a PO-308 é unha das estradas que soporta máis tráfico en toda Galicia e que se colapsa diariamente durante o verán coa tempada de praias.
O concelleiro nacionalista, Xulio Barreiro lembrou que esta estrada "é en realidade unha travesía" aínda que non ten tal tratamento nin reúne as condicións axeitadas xa que na maioría dos tramos faltan beirarrúas, noutros mesmo non hai beiravías, carece de pasos de peóns suficientes, polo que tamén reclaman un "estudo de seguridade" que ademais de beirarrúas mellore os cruces, entre outros aspectos.