O mozo investigado por matar á súa nai en Vilagarcía, na UCI en estado moi grave

O Salnés
06 de setembro 2025

Presenta un cadro clínico de politraumatismos, fracturas diversas e shock hemorráxico tras arroxarse do balcón da súa vivenda, desde un terceiro piso. Está ingresado na UCI do Álvaro Cunqueiro

Dispositivo policial polo presunto matricidio en Vilagarcía EFE - Josechu Ortiz

O mozo de 22 anos que está a ser investigado como presunto autor da morte violenta da súa nai, unha muller de 61 anos, en Vilagarcía de Arousa segue hospitalizado en estado moi grave.

O mozo tirouse desde o balcón do domicilio familiar, situado na terceira planta dun edificio da céntrica rúa Duque de Rivas, despois dos feitos.

Presenta un cadro clínico de politraumatismos, fracturas diversas e shock hemorráxico, segundo informaron fontes do Complexo Hospitalario de Pontevedra.

Tras recibir as primeiras asistencias clínicas e médicas no servizo de Urxencias do Hospital do Salnés, en Vilagarcía, foi trasladado en ambulancia á área sanitaria de Vigo.

Alí permanece ingresado, con prognóstico moi grave, na unidade de coidados intensivos do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Mentres tanto continúa a investigación policial sobre este presunto matricidio, que tivo lugar onte venres sobre o seis e media da tarde.

A vítima foi achada morta, boca abaixo e entre "abundante sangue", segundo explicou o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada.

Aínda que as pescudas realizadas están por agora nunha "fase inicial", os investigadores descartan "con toda a prudencia" que no crime participen terceiras persoas.