A Praza de España de Ponte Caldelas converteuse este sábado, 14 de decembro, no punto de encontro dunha singular e festiva iniciativa que combinou o espírito do Nadal coa paixón polas motos.
A tradicional Papanoelada moteira reuniu a centos de participantes de todas as idades que encheron de cor vermella e alegría as rúas da vila, malia as baixas temperaturas rexistradas na xornada.
O evento, enmarcado na programación de Nadal do Concello, contou coa participación especial do alcalde Andrés Díaz.
O rexedor non dubidou en vestirse co tradicional traxe vermello de Papá Noel para compartir a xornada cos veciños e visitantes.
Os moteiros, ataviados cos característicos gorros e traxes de Papá Noel, realizaron unha ruta polo rural do municipio, creando unha singular estampa, cita habitual nestas datas na vila, que volveu chamar a atención de todas as persoas que se atoparon ao seu paso.
Ao seu regreso á Praza de España, os participantes puideron gozar dunha merecida merenda con chocolate quente e rosca, servida polo propio alcalde.
A xornada festiva compleméntase co Mercado de Nadal, instalado na carpa da Praza de España, que ofrecerá durante este domingo diversas actividades de animación como globoflexia e sorteos ao longo da tarde.