Un mural no Marcos da Portela escenificará a diversidade cultural no Día do Pobo Xitano

Pontevedra
04 de abril 2025

Pontevedra e Vilagarcía de Arousa prepáranse para conmemorar o Día Internacional do Pobo Xitano o 8 de abril con actos para combater os prexuízos que aínda lastran a súa plena inclusión social

Presentación dos actos relacionados co Día Internacional do Pobo Xitano Concello de Pontevedra

Anabel Gulías, concelleira de Benestar Social en Pontevedra, destacou que neste 2025 cúmprense dúas décadas do programa municipal de seguimento escolar e compensación educativa externa para a comunidade xitana, unha iniciativa pioneira en Galicia que naceu para reducir o absentismo e mellorar o éxito académico do alumnado xitano.

Por estas "aulas de reforzo educativo" pasaron máis de 500 nenos e nenas desde a súa creación.

"Pontevedra é plural, integradora e pioneira na aposta polo desenvolvemento de políticas públicas a prol da equidade social", subliñou Gulías durante a presentación dos actos con motivo do Día Internacional do Pobo Xitano, na que estivo acompañada por Begoña Núñez, coordinadora da Fundación Secretariado Xitano (FSX), e a mediadora intercultural Rebeca Flórez.

PROGRAMA

O martes 8 de abril, ás 11:30 horas, realizarase un acto institucional na Casa da Luz, onde se despregará a bandeira xitana no balcón do edificio.

A bandeira, composta polas cores azul e verde (que representan o ceo e o campo) e cunha roda de carro vermella (símbolo da tradición itinerante do pobo romaní), ondeará na fachada durante toda a xornada.

Neste mesmo acto procederase á lectura do manifesto elaborado pola Fundación Secretariado Xitano, que será difundido en toda Galicia e no resto do Estado.

Pola tarde, o Centro de Educación Primaria Marcos da Portela, situado no barrio de Monte Porreiro, converterase no escenario principal da celebración.

Entre as 16:30 e as 18:00 horas, desenvolverase un acto lúdico-formativo no que o alumnado terá a oportunidade de profundar na historia e cultura xitana. Unha das características máis salientables desta actividade é que serán ex-alumnas de etnia xitana as encargadas de compartir a realidade e as tradicións da súa comunidade, servindo así de referentes positivos para os máis novos.

Como colofón a esta xornada, inaugurarase un mural creado polos escolares do centro educativo, unha obra artística que reflicte a diversidade cultural e pretende ser un símbolo permanente de convivencia e respecto mutuo.

O programa municipal de reforzo educativo vai máis alá das clases de apoio que se imparten no Centro Cultural de Monte Porreiro e na Casa Azul, onde actualmente se atende a medio cento de escolares.

Inclúe colaboración cos servizos sociais municipais para combater o absentismo, contacto periódico cos centros educativos, mediación familiar e información ás familias sobre o funcionamento do sistema educativo, os seus dereitos e obrigas.

Ademais, realízanse obradoiros de ocio interculturais con dinámicas e xogos que abordan contidos transversais como educación medioambiental, hábitos saudables e valores. Estas actividades compleméntanse con visitas culturais, festas e celebracións de datas sinaladas como o propio 8 de abril.

Desde 2014, o Concello de Pontevedra tamén colabora co Programa Promociona da FSX, que busca que cada vez máis mozas e mozos xitanos completen a Educación Secundaria Obrigatoria e continúen a súa formación, incrementando así as súas posibilidades de promoción social e acceso ao emprego.

Begoña Núñez, da FSX, destacou que este 8 de abril é unha "dobre celebración", pois cúmprense 600 anos da chegada dos xitanos á Península Ibérica. "Ningún neno ou nena debería ser discriminado por ser xitano", reivindicou, mentres que a mediadora Rebeca Flórez reclamou: "Coñéceme antes de xulgarme".

Ademais do programa educativo, en Pontevedra a FSX desenvolve outras liñas de traballo como o Programa de Emprego Acceder, o Programa de Inclusión Residencial, o Programa de Educación Dixital CODIGI-RED.ES e o Programa de Promoción da Saúde.

ACTOS EN VILAGARCÍA

En Vilagarcía de Arousa, o alcalde Alberto Varela amosouse "orgulloso do pobo xitano" durante a presentación das actividades, que se desenvolverán o 8 de abril na Praza de Galicia a partir das 17:30 horas. "Os vilagarciáns estamos moi orgullosos da súa cultura, respectámolos e apoiámolos", afirmou.

A concelleira de Servizos Sociais, Tania García, explicou que o Concello vilagarciá traballa "todo o ano para visibilizar a cultura e o pobo xitano", lembrando que en 2019 puxeron en marcha un proxecto de inclusión social que traballa con trinta unidades familiares desta etnia.

Grazas a estas iniciativas, varios rapaces lograron rematar a ESO ou algún ciclo medio, indican desde o goberno local.

Os actos en Vilagarcía incluirán a lectura dun manifesto, un teatro inmersivo titulado 'Escoitamos pero non xulgamos', actuacións musicais e de baile, e rematarán cun pasarrúas ata o río do Con para realizar a tradicional 'Cerimonia do Río' con ofrenda floral.