Música e tradición para celebrar as festas de Cantodarea

Marín
22 de abril 2025

O mércores 30 de abril e o xoves 1 de maio, Día de San Xosé, resoarán na parroquia con música tradicional, cantos de taberna, actos relixiosos e actividades para todas as idades

Presentación das festas de Cantodarea
Presentación das festas de Cantodarea / Concello de Marín

Cantodarea vivirá dous días de celebración o vindeiro mércores 30 de abril e xoves 1 de maio, con motivo das súas tradicionais festas de San Xosé.

A concelleira de Festas Marián Sanmartín presentou o programa de actos xunto cos veciños das asociacións San José e Virxe do Porto de Cantodarea.

A programación comezará o mércores 30 de abril, a partir das 20:30 horas, cos xa emblemáticos Cantos de Taberna cos Saljariteiros, que percorrerán diferentes establecementos hostaleiros de Cantodarea.

A xornada pechará coa actuación da orquestra Origen a partir das 22:00 horas.

O xoves 1 de maio, as actividades comezarán pola mañá cun pasarrúas e baile tradicional Trompos Os Pés ás 11:00 horas, seguido da misa na honra a San Xosé de Cantodarea ás 12:00 horas.

A música tradicional continuará ás 13:00 horas co pasarrúas do grupo Airiños de San Xulián.

Xa pola tarde, a festa proseguirá co pasarrúas de Pousos de Area ás 18:00 horas, e culminará coa solemne procesión en honra a San Xosé de Cantodarea ás 19:00 horas, que estará acompañada pola Banda de Música da Brilat.

Desde a organización convídase a toda a cidadanía a participar activamente nestas festas, pensadas para todos os públicos e que buscan poñer en valor as tradicións e a cultura local.