Novos traballos de mantemento no parque infantil e no auditorio da Finca de Briz

Marín
21 de abril 2025
Actualizado: 18:27

Estase a renovar toda a madeira do graderío, substituíndoa por unha de maior durabilidade

Traballos de mantemento na Finca de Briz
Traballos de mantemento na Finca de Briz /

O Concello de Marín continúa coa mellorar da Finca de Briz, un dos enclaves máis valorados polas familias e visitantes.

Nas últimas semanas leváronse a cabo importantes traballos de reparación no parque infantil situado na parte alta do recinto.

En concreto, actuouse sobre o xogo de grandes dimensións, que presentaba un notable deterioro nos postes enterrados. Para garantir a súa seguridade e durabilidade, estes reforzáronse con estruturas metálicas, evitando así posibles danos futuros.

Así mesmo, realizáronse labores de mantemento nas partes de madeira dos xogos infantís, que incluíron a reparación de elementos deteriorados, lixado, aplicación de lasur protector e revisión e substitución de enganches, cadeas e outros compoñentes.

A falta de rematar algúns detalles nos chanzos da escaleira, os traballos nesta zona do parque infantil están practicamente finalizados.

Ademais, o Concello acometerá en breve o cambio das actuais bancadas de madeira do Auditorio de Briz, que se atopan en mal estado.

Estas serán substituídas por novas estruturas realizadas en madeira técnica, un material máis resistente e con maior durabilidade, que non require mantemento, o que suporá tamén unha mellora en términos de sustentabilidade e eficiencia.

O conxunto destas actuacións supón un investimento aproximado de 24.000 euros.