Na procura de 500.000 euros para promover a investigación do cancro a través de biopsia líquida

Pontevedra
07 de febreiro 2017

Trátase dunha campaña de micromecenado que puxo en marcha o grupo de oncoloxía médica do Complexo Hospitalario de Santiago. O seu representante Rafael López mantivo unha xuntanza co alcalde de Pontevedra para trasladarlle os motivos desta iniciativa

Rafael López, xefe do servizo de Oncoloxía do CHUS co alcalde de Pontevedra
Rafael López, xefe do servizo de Oncoloxía do CHUS co alcalde de Pontevedra / Mónica Patxot

Levan 80.000 euros recadados durante 25 días pero o seu obxectivo está marcado en lograr 500.000 euros durante tres meses. O grupo de oncoloxía médica do Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS) puxo en marcha esta campaña de micromecenazgo coa intención de obter fondos para destinar a recursos precisos para levar a cabo novas investigacións a través da técnica da biopsia líquida, que consiste en "espiar" o tumor analizando o sangue e desenvolver un medicamento de precisión para que cada paciente poida ter o fármaco máis idóneo para facer fronte ao cancro.

Este martes, o responsable do grupo de Oncoloxía Médica Traslacional, Rafael López mantiña un encontro co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para explicarlle esta iniciativa complementaria ás achegas que realiza a Xunta de Galicia, a Unión Europea e o Goberno Central nestas investigacións, que constitúen o futuro para o tratamento dos tumores.

O investigador apuntou que en Gran Bretaña é moi importante o apoio que realizan os particulares para financiar investigacións biomédicas alcanzando un 42% das achegas mentres que en España non chega ao 2%. Por iso reclama a intervención dos particulares para impulsar este proxecto no que se necesita adquirir equipos especializados e contar con persoal cualificado para a análise da mostra. 

Para colaborar pode realizarse unha transferencia bancaria á conta de ABANCA: ES68 2080 0300 8730 4556 7736; a través do teléfono 981 955 344; utilizando o e-mail: [email protected] ou enviando un SMS coa palabra CANCRO ao 28014 cun custo de 1,20 euros ou ao 38014 cun custo de 6 euros.

Os doantes poderán acollerse aos beneficios fiscais establecidos por lei a este tipo de achegas.