Os ex traballadores de Tafisa buscan unha alternativa empresarial para a nave da Reigosa que ocupa a fábrica de taboleiros. A finais deste ano espérase que a instalación quede baleira cando se finalice a saída do stock que actualmente se leva a cabo por un grupo de traballadores e se retire a maquinaria, propiedade da matriz Sonae.
Ante esta situación, os delegados sindicais estanse a mover e, a través de UGT, mantiveron unha reunión co portavoz do Partido Popular de Pontevedra, Jacobo Moreira, coa intención de que solicite unha entrevista co IGAPE para saber que opcións se manexan para que se poida poñer en marcha un novo proxecto.
Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT, insistiu en que a empresa Ikea mostrara o seu interese en buscar un lugar de produción que subministre produtos que o xigante sueco comercializaría. A esa opción agárranse os representantes sindicais para intentar buscar unha solución conxunta para un equipo que conta cunha ampla experiencia no sector da madeira.
Jacobo Moreira comprometeuse a solicitar esa entrevista no menor tempo posible e mostrou a súa preocupación pola perda de emprego en Pontevedra.
A situación de Tafisa e doutras empresas como Construcciones Crespo se abordará na reunión do Consello Económico e Social do Concello de Pontevedra.