Nacen os Premios Turismo Rías Baixas

Pontevedra
08 de maio 2026

Con estes premios a Deputación pretende poñer en valor as boas prácticas en materia turística, así como recoñecer a traxectoria e o compromiso de profesionais e entidades do sector

Oficina de Turismo Rías Baixas no Palacete das Mendoza Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra pon en marcha os primeiros Premios Turismo Rías Baixas. 

Con estes galardóns o organismo quere recoñecer o papel das persoas e entidades no desenvolvemento, mellora e promoción do turismo na provincia.

Trátanse duns premios honoríficos, que, tal e como adiantou o presidente da Deputación, Luis López, serán entregados nun encontro co sector turístico que terá lugar o xoves 28 de maio no Parador de Baiona "con sorpresas moi, moi interesantes".

As bases foron publicadas este mesmo venres no Boletín Oficial da Provincia e o luns abre o prazo de sete días hábiles para presentar as candidaturas por vía electrónica.

En total entregarase un galardón por cada unha das sete categorías que integran os Premios Turismo Rías Baixas.

Deste xeito, haberá un premio ao mellor proxecto de turismo responsable, á innovación en turismo, ao mellor proxecto municipal, á mellor oficina de turismo da Rede Info Ríasbaixas, á mellor persoa informadora turística, así como un galardón á traxectoria turística e outro ao recurso ou experiencia turística máis destacable.

Cos Premios Turismo Rías Baixas a Deputación de Pontevedra pretende poñer en valor as boas prácticas en materia turística, así como recoñecer a traxectoria e o compromiso de profesionais e entidades do sector.

Ademais, estes galardóns tamén teñen por obxectivo fomentar a mellora continua e a competitividade, promover a excelencia na atención aos visitantes e a profesionalización do sector e impulsar iniciativas que resulten beneficiosas e xeren impacto positivo no territorio, favorezan a desestacionalización e reforcen a implicación da comunidade.