Naturgy alerta dun corte de luz este domingo na contorna de San Antoniño para "continuar mellorando a calidade do servizo"

Pontevedra
18 de outubro 2019

A través da empresa UFD, o Grupo Naturgy colgou carteis anunciando unha interrupción temporal da subministración eléctrica durante a mañá do domingo nun "horario aproximado" establecido entre as 07.30 e as 09.30 horas

Anuncio de corte de luz na zona de San Antoniño
Anuncio de corte de luz na zona de San Antoniño / PontevedraViva

Naturgy, a empresa subministradora do servizo eléctrico en Pontevedra, a través da entidade UFD pertencente ao mesmo grupo, anuncia unha interrupción temporal da subministración eléctrica na contorna de San Antoniño.

O corte vai levarse a cabo na mañá deste domingo 20 de outubro, entre as 07.30 e as 09.30 horas; "horario aproximado" indica a empresa nas follas informativas que foi instalando nos portais afectados.

O servizo cortarase en diversos edificios das rúas Altamira, Benito Corbal ,Isidoro Millán Mariño, Javier Puig, Lepanto, Perfecto Feijoo, San Antoniño e Praza de Barcelos número 13.

Segundo a empresa, o corte débese a que operarios van traballar para "continuar mellorando a calidade do servizo". Na zona da rúa Lepanto atópase un transformador de Naturgy que foi orixe de diversos cortes de luz durante os últimos meses provocando o malestar dos clientes, do sector hostaleiro e do Concello de Pontevedra, que remitiu unha carta ao conselleiro de Industria para que adopte medidas ante a mala calidade do servizo que se ofrece en Pontevedra.

Por outra banda, a empresa lembra aos usuarios que as liñas se consideran en tensión durante a interrupción do domingo e a subministración pode ser reposta en calquera momento. Por esta motivo alerta de que "está prohibido manipular as redes de electricidade mentres duren os traballos". Ante calquera dúbida, os clientes poden poñerse en contacto coa empresa a través do teléfono gratuíto 900.333.999