Nauta Sanxenxo solicitará ao xulgado que paralice as obras dos peiraos do Náutico

Sanxenxo
27 de xaneiro 2014

O Consello de Administración da sociedade municipal reuniuse este luns de forma extraordinaria e urxente para analizar a situación

O Consello de Administración de Nauta Sanxenxo, a empresa municipal, que xestiona o Porto Deportivo Juan Carlos I reuniuse este luns de forma extraordinaria e urxente para tomar decisións relacionadas coa construción por parte do Real Club Náutico de Sanxenxo dunha instalación náutico-recreativa fronte ás praias de Panadeira e Os Barcos.

O máximo representante da entidade deportiva promotora das obras e conselleiro da sociedade pública, Pedro Campos, non puido asistir á reunión, polo que delegou na presidenta o seu voto, salvo no punto relacionado con esta actuación que contou coa súa abstención.

Os traballos que desenvolve o Náutico considéranse lesivos para os intereses da mercantil, e foron calificados de competencia desleal

Segundo informan dende o Concello de Sanxenxo, os demais integrantes deste órgano de dirección acordaron que Nauta Sanxenxo solicite ao xuíz a paralización dos traballos que consideran lesivos para os intereses da mercantil, e que acusaron mesmo de competencia desleal. Neste sentido, recordan que se trata dunha instalación que terá un carácter privado a pesar de que é realizada ao abeiro dun investimento público dado que o porto é de titularidade municipal. "Aproveitarase a inversión realizada por Nauta ao utilizar o dique de abrigo, os accesos rodados, e demais servizos financiados por esta sociedade municipal ", apuntaron dende o Consello de Administración.

Ademais, Nauta Sanxenxo requirirá ao xulgado que, en caso de desatender a petición de inexecución das obras, impida que o Real Club Náutico poida transmitir mediante concesión ou venda os amarres resultantes no peirao proxectado, mentres non exista unha resolución xudicial do recurso que anunciará mañá na sala compostelá e que reforzará as accións legais emprendidas polo Concello de Sanxenxo.

A empresa municipal defenderá ante o xuíz que a construción do peirao do Náutico atenta contra os seus intereses como mercantil e incidirá nos efectos prexudiciais que, tanto a infraestrutura en si como a súa actividade, provocará nas augas e no uso público das praias dos Barcos e Panadeira, así como que incumpre o Plan Especial de Ordenación do Porto, do Plan de Utilización e do Plan de Ordenación do Litoral e que carece de autorizacións que si foron esixidas para a construción do equipamento como o informe de avaliación ambiental.

Tras a aprobación dos puntos incluídos na orde do día e tras un extenso debate sobre a situación xerada polo proxecto aprobado por Portos de Galicia, os integrantes do Consello de Administración de Nauta Sanxenxo conviñeron na necesidade de propoñer na próxima convocatoria da Xunta Xeral unha remodelación dos compoñentes deste órgano de xestión.