Negan que haxa "risco de derrube" na casa consistorial da Praza de España

Pontevedra
21 de outubro 2019

O goberno municipal, que votou en contra da súa rehabilitación, tamén rexeitou outra das mocións presentadas polo PP, que solicitaba a implantación do voto telemático nos plenos en casos de embarazo, baixas de maternidade ou paternidade ou grave enfermidade

Casa consistorial da Praza de España Cristina Saiz

"Hoy es un día triste para Pontevedra". É a frase coa que finalizou a súa intervención no pleno Pepa Pardo, despois de que BNG e PSOE votasen en contra da moción presentada polo PP para rehabilitar a casa do concello da Praza de España.

A edil popular denunciou o estado "lamentable" de deterioración e abandono que sofre este emblemático inmoble e acusou ao goberno municipal de "dejadez y pasividad" e de actuar de maneira "negligente" con respecto á súa obrigación legal de manter en bo estado o patrimonio de todos os pontevedreses.

"No queremos que esa sea la imagen de Pontevedra", engadiu Pardo, que lamentou que a única actuación realizada no últimos dez anos fose un "lavado de cara" do exterior e da planta baixa do edificio.

O seu estado actual, insistiu, supón un "riego" para a seguridade dos funcionarios que traballan alí e reclamou que os servizos técnicos e os arquitectos municipais emitan un informe sobre as condicións nas que se atopa a vetusta casa do concello.

"Devuélvanle la dignidad que merece", sinalou a concelleira do PP.

A este respecto, Anabel Gulías censurou que os populares "confundan" o feito de que unha planta non se poida utilizar con que haxa "risco de derrube" que, segundo o goberno municipal, é un perigo que " non existe".

De feito, a edil do BNG lembrou que os propios servizos técnicos e os arquitectos do Concello traballan actualmente na planta baixa dese edificio. A reforma realizada en 2013, explicou, permitiu arranxar a fachada, a cuberta e a estrutura, polo que o seu estado non reviste gravidade, aínda que recoñece que o proxecto de rehabilitación debe ser completado.

O goberno municipal tamén rexeitou outra das mocións presentadas polo PP, que solicitaba a implantación do voto telemático nos plenos en casos de embarazo, baixas de maternidade ou paternidade ou grave enfermidade. 

A edil de Réxime Interior, Anabel Gulías, explicou que BNG e PSOE están de acordo en traballar para poder implantar o voto telemático, pero discrepan das présas coas que os populares queren abordar este asunto.

"Non é unha cuestión que necesite urxencia", dixo Gulías, que asegurou que antes de implantalo hai que pactar unhas "regras de xogo" e, entre outras cuestións, é preceptivo un informe do secretario do pleno que avale a súa viabilidade legal e técnica, xa que contradi a Lei de Bases do Réxime Local, que indica que o voto ha de ser presencial.

Pepa Pardo lamentou que nacionalistas e socialistas "levanten muros" en materia de conciliación e igualdade e denunciou que "nadie puede ser excluído" de participar na vida pública por estes motivos, afirmando que a implantación do voto telemático "solo es cuestión de voluntad política".

"Es muy bonito enarbolar la bandera feminista y luego no tomar medidas porque no son viables", engadiu a concelleira do PP, que afirmou que "cada paso por la igualdad es un gran logro" e reclamou que no prazo de dous meses se constitúa unha comisión de traballo para estudar a forma de implantar esta modalidade de voto a distancia.