O parque empresarial de Nantes, en Sanxenxo, acollerá unha nova nave. A Comisión de Urbanismo aprobaba este mércores a licenza para a construción dun recinto industrial destinado á fabricación de depósitos plásticos.
A empresa Neutro Applications, S.L.U. será a responsable de levantar esta nova instalación nunha parcela de 1.204 metros cadrados.
Segundo o proxecto aprobado, a edificación contará con planta baixa e dúas alturas, sumando unha superficie total construída de 1.283 metros cadrados.
A nova fábrica suporá a creación de entre 10 e 13 postos de traballo distribuídos en oficinas, departamento eléctrico e fabricación de depósitos, segundo consta na memoria presentada nas oficinas do Concello de Sanxenxo.
Esta nova iniciativa súmase, segundo o goberno local, á crecente actividade do parque empresarial de Nantes, que actualmente conta con 97 parcelas con actividade económica ou en fase de tramitación, o que representa o 40% da superficie dispoñible.
O polígono logrou atraer tanto a multinacionais como a pequenos empresarios e emprendedores, indica o Concello.
Entre as firmas que recentemente apostaron por este espazo destacan Aldi, Jysk e Kiwoko. Ademais, proximamente instalarase Sungrow, que desenvolverá o primeiro parque de baterías en Galicia.
Na mesma sesión, a Comisión de Urbanismo tamén deu luz verde á construción de tres bloques con 76 vivendas, garaxes, trasteiros e urbanización interior con piscina descuberta de uso comunitario no lugar de Pombal, en Adina.
Este proxecto residencial será executado pola empresa Titán Activos Inmobiliarios S.L.