Os vestidos foron este sábado o reclamo estrela da segunda edición da 'Feira Vintage de Boa Vida - Roupa ao peso' organizada no mercado de abastos.
Como xa sucedeu na súa primeira edición do mes de maio, a cita encheu de clientela o primeiro piso do mercado.
A pesar da calor que fixo durante toda a xornada, o recinto estivo a rebordar en determinados momentos, en especial, durante a mañá.
Moda, sustentabilidade e compromiso social volveron darse cita no mercado, nunha experiencia única de consumo consciente e inclusivo.
Esta feira aposta por un modelo alternativo baseado na compra de roupa reutilizada ao peso e a ampla afluencia de asistentes demostrou que o gusto polo vintage está moi asentado na Boa Vila e que se pode renovar o roupeiro dun xeito económico, divertido e colaborando cos fines sociais da asociación Boa Vida.
Á venda puxéronse 300 quilos de prendas coidadosamente seleccionadas, que incluían dende básicos atemporais ata pezas vintage, roupa de marcas recoñecidas e incluso con etiquetas.
Todo nun excelente estado, con gran diversidade de tallas e prezos que oscilaron entre 7 e 25 euros por quilo.
No mercado tamén se proxectaron vídeos informativos sobre o impacto ambiental e social da industria téxtil, co obxectivo de sensibilizar á cidadanía e fomentar hábitos de consumo máis sostibles.