A Asociación pola Defensa da Ría (APDR), a plataforma Ulloa Viva e a Plataforma de Defensa da Ría de Arousa (PDRA) presentaron este luns 19 de maio a convocatoria da marcha contra as celulosas, que se celebrará o domingo 1 de xuño ás 12.00 horas.
A mobilización, que partirá simultaneamente das alamedas de Marín e Pontevedra, rematará fronte á fábrica de Ence en Lourizán e concluirá cun xantar popular e un concerto na Alameda de Pontevedra.
Antón Masa, presidente da APDR, destacou que "este ano a marcha ten un aliciente máis porque a loita contra Ence e Altri é parte da mesma loita" e subliñou que a convocatoria "ten que servir para que Altri nunca sexa unha realidade".
Masa amosouse convencido de que "a celulosa de Altri non se vai instalar nunca" por tres motivos fundamentais: "Non vai conseguir a financiación que precisan, algún organismo vinculado á explotación da auga do río Ulla terá que dicir algo, e sobre todo, porque mentres manteñamos un nivel de mobilización como o que se está a facer agora en Galicia contra a instalación de Altri, esta non se vai instalar".
O presidente da APDR lembrou como "a mobilización social impediu no seu día a instalación dunha fábrica de papel ao carón de Ence" e estableceu un paralelismo histórico: "Cando se montou a celulosa de Ence en Pontevedra, realmente esa celulosa estaba pensada para instalarse sobre o río Ulla, en Pontecesures. A loita dos pescadores de río e da xente que traballaba na ría de Arousa "deu os seus froitos e acabou instalándose a fábrica na ría de Pontevedra".
Masa denunciou que "moita xente falaba de por que se instalara a celulosa en Pontevedra e dicían que iso era porque se fixo baixo o franquismo. A realidade é que agora a Xunta está intentando reproducir unha decisión que foi efectivamente feita baixo o franquismo nun momento onde o franquismo xa non existe. A Xunta de Galicia está reproducindo o modelo franquista de industrialización cando pretende, entre outras cousas, instalar a fábrica de Altri en Palas de Rei, un modelo que non debera ter cabida na Galicia actual".
IMPACTO AMBIENTAL
O presidente da APDR destacou as semellanzas entre ambos proxectos celulósicos: "Como parte dun modelo extractivista, a de Altri destrozaría o modo de vida daquela zona que está baseada na explotación de recursos gandeiros e agrícolas e tamén afecta ao Camiño de Santiago, mentres que Ence esnaquizou o marisqueo e a pesca".
Ademais, sinalou que "o problema fundamental é a eucaliptización masiva, non só dos montes, senón de moita terra de labor, terra agrícola e pastizais que son ocupados polo eucalipto".

Masa recordou que "cando se instalou en Lourizán, instalouse directamente enriba do mellor dos bancos marisqueiros da ría de Pontevedra" e que "mediante un recheo dunha boa cantidade de hectáreas da ría", construíase tamén sobre as praias urbanas que había entre Pontevedra e Marín".
Paralelamente, advertiu que "no caso de que se permita instalar Altri, acabaría tamén ocupando as zonas de mellor valor do centro de Galicia", en Palas de Rei.
ULLOA VIVA
Mónica Cea, integrante de Ulloa Viva, explicou que tras o anuncio da Declaración de Impacto Ambiental sobre Altri e "ante a inminente autorización ambiental integrada, consideramos que é momento de saír á rúa para reclamar respecto ao territorio e á veciñanza".
A plataforma vén de publicar na súa web o expediente completo do proxecto, ao que tiveron acceso como parte interesada, "en nome da transparencia e o dereito á información que levamos pedindo á Xunta de Galicia".
Cea denunciou "cambios evidentes en datos técnicos que non se acreditan ou xustifican debidamente" e afirmou que seguirán "denunciando estas cuestións que nos permiten coñecer como foi ou está sendo a tramitación deste proxecto ao que a Xunta de Galicia lle pon unha alfombra vermella".

A representante de Ulloa Viva informou tamén sobre a campaña de financiamento colectivo aberta pola plataforma "para a recadación de cartos para poder exercer tantas accións administrativas como xurídicas precisemos co fin de parar esta macrocelulosa".
Cea agradeceu "o apoio profundo de toda a cidadanía que nos segue mostrando apoio e berrando alto e claro 'Altri non'", e concluíu: "Non imos ser testemuñas da implantación doutra celulosa en Galicia. Altri nunca será".
AMEAZA PARA A RÍA DE AROUSA
Ángel Villanueva, da PDRA, fixo un chamamento a participar na marcha "con máis motivo este ano, porque vai contra as celulosas: a que xa existe e a que aínda non existe, esperemos que non exista nunca". Explicou que "a ría de Pontevedra está moi danada pola celulosa de Ence e a de Arousa tamén o estará se Altri chega a funcionar".
"Non esquezamos que o río Ulla, que abastece fundamentalmente á ría de Arousa, verá como esta celulosa pretende implantarse na súa cabeceira. Toda a contaminación que se produza nesta celulosa, que non é pequena precisamente, vai baixar polo río e vai chegar á ría máis produtiva que temos en Galicia", advertiu Villanueva.
O portavoz da PDRA recordou que "cando se implantou Ence se consideraba que a ría de Pontevedra era menos produtiva, e acabaron de deixala sen produción, pero a ría de Arousa segue sendo a máis produtiva e parece que neste caso non lles importa a merma de produción que vai haber ou a desaparición da produción".

Villanueva denunciou que este proxecto forma parte dun "cambio de modelo que está auspiciado pola Xunta de Galicia, un cambio do minifundismo e da intervención de moita man de obra".
"Interésalle máis o modelo de grandes industrias, que son máis fáciles de manexar e que, ademais, dan pé ás portas xiratorias, cousa que os pequenos produtores actuais da ría de Arousa non van dar", acusó Villanueva.
"Estamos fronte a un cambio de modelo, coa destrución do modelo de vida do interior de Galicia e, consecuentemente, tamén do modelo de vida da ría de Arousa e da costa", alertou.
"Temos que paralo. Neste momento non temos unha celulosa que nos estea contaminando a ría, pero temos unha espada de Damocles que nos dá moitísimo medo de que o modelo que actualmente coñecemos de produción poida desaparecer".
O representante da PDRA aportou datos concretos sobre o impacto económico da ría de Arousa: 1.540 mariscadores a pé (o 44% de Galicia), 1.548 embarcacións pesqueiras e marisqueiras (o 40% de Galicia), 2.319 bateas de mexillón (o 68,7% de Galicia), que xeran 4.177 empregos directos, dos que 951 son por conta allea.
Ademais, os empregos xerados en terra polas bateas multiplicarían por catro esa cifra, chegando a 16.708 postos de traballo. Tamén sinalou que dos 253 operadores de agricultura rexistrados no Craega (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia), 140 corresponden á ría de Arousa.
"Non é comparable a destrución de emprego que se vai producir coa posible creación de emprego da que eles presumen e que xa foron baixando as expectativas. Creo que eran 500, despois foron menos, agora imos a menos. Non son comparables. Que lle pregunten aos gandeiros, á xente que vive do leite, á xente que fai queixos, á xente que fai agricultura ecolóxica no interior de Galicia, que lles pregunten a ver que tal lles vai colocar esa fábrica aí", concluíu Villanueva.
Os convocantes alertaron tamén do consumo de auga previsto por Altri (46 millóns de litros diarios) e advertiron que devolverán "30 e tantos millóns a máis de 20 graos de temperatura".
Villanueva rexeitou o argumento da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, de que "ninguén bebe directamente do río", explicando que "non fai falta, o río leva esa auga con sulfatos, hai moitos problemas".
O representante da PDRA incidiu en que "aquí o que lles falta é auga e cartos, porque o eucalipto xa o teñen. A auga é un ben fundamental que en Galicia nunca botamos de menos porque sempre tivemos moita, pero xa nos comeza a faltar e debemos tratala ben, porque é parte fundamental da nosa alimentación e do noso benestar".
A marcha do 1 de xuño convócase facendo un chamamento a toda Galicia e os organizadores agardan "que teña unha afluencia maior que as tradicionais" que se celebraban só contra a factoría de Ence para demostrar o rexeitamento social a estes proxectos celulósicos.
