Ningún mestre de Pontevedra deu positivo por COVID-19 nos test previos ao inicio do curso

Pontevedra
06 de setembro 2020

Ao redor de 4.000 docentes da área de Pontevedra sometéronse desde o pasado 26 de agosto ao cribado preventivo mediante test rápidos e probas PCR. Entre todos eles, as autoridades sanitarias non detectaron ningún positivo por COVID-19

Probas de cribado da Covid-19 na área sanitaria de Pontevedra
Probas de cribado da Covid-19 na área sanitaria de Pontevedra / Cristina Saiz

Ao redor de 4.000 docentes da área de Pontevedra sometéronse desde o pasado 26 de agosto ao cribado preventivo mediante test rápidos e probas PCR. Entre todos eles, as autoridades sanitarias non detectaron ningún positivo por COVID-19.

Así o confirmaron fontes da coordinación preventiva da Covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que supervisaron este cribado para determinar posibles infeccións do coronavirus antes do regreso do alumnado ás aulas.

As probas realizáronse en quendas de mañá e tarde nos puntos de extracción de analíticas nos hospitais de Montecelo, Provincial e do Salnés.

Segundo explica o Servizo Galego de Saúde, os profesores recibían unha picada nun dedo e cunha pinga de sangue podíase coñecer en ao redor de 10 minutos se existía unha infección aguda ou se xa se superou a enfermidade.

No caso de que se producise un caso positivo o protocolo marcaba que o paciente quedaría illado e completaríase a proba cun test cuantitativo ou cunha PCR, segundo os casos.