A campaña solidaria "Ningunha crianza sen xoguete" volveu demostrar que a veciñanza de Poio non falla cando se trata de compartir ilusión. A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, fixo unha valoración "moi positiva" desta iniciativa, que permitirá que numerosas familias en situación de vulnerabilidade poidan celebrar o Nadal con agasallos para os máis pequenos.
Segundo destacou Torres, a cidadanía respondeu "con enorme empatía", enchendo de doazóns o Pazo Besada e a Casa Rosada durante as últimas semanas. Entre os xoguetes recollidos hai bonecas, xogos de mesa, puzzles, peluches, construcións e vehículos, todos eles en moi bo estado e listos para ter unha segunda vida. "Grazas a esta colaboración, todas as crianzas do noso concello poderán gozar dun Nadal cun sorriso", subliñou.
Nestes días, o persoal municipal, coa colaboración da veciña Silvia Ramírez, está a preparar un por un os paquetes que se repartirán nos días previos ás festas. A concelleira quixo poñer en valor tanto a xenerosidade das persoas doantes como o labor "comprometido e desinteresado" de Ramírez, que cada ano dedica o seu tempo a esta causa.
Un camiño máis seguro para o CEIP de Lourido
Paralelamente, o Concello de Poio está a avanzar na creación dun camiño seguro para que o alumnado do CEIP de Lourido poida acceder ao centro a pé e con tranquilidade desde o aparcamento.
A concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, explicou que xa se está a delimitar un espazo específico para o tránsito peonil, unha medida que responde a "unha demanda histórica da comunidade escolar". Os traballos inclúen o pavimentado dun sobreancho da estrada e a sinalización horizontal dunha franxa reservada para peóns. Ademais, instalarase un paso de peóns con resalto que facilitará o cruce e axudará a reducir a velocidade dos vehículos na zona.
Sabarís lembrou que esta intervención conta co apoio tanto da dirección do centro como da ANPA e do Consello Escolar. A edil sinalou que o Concello mantén un diálogo constante coas comunidades educativas para coñecer de primeira man as súas necesidades e actuar en consecuencia.
