Numerosos concellos de toda Galicia, como Poio, Meis ou O Grove, acollerán nestas datas un Campamento de Nadal dedicado á Saúde Dixital, unha iniciativa gratuíta para as familias que se desenvolve en colaboración coa Xunta de Galicia.
A proposta está dirixida a nenas e nenos de entre 6 e 17 anos e busca, ademais de ofrecer formación actual sobre o uso seguro da tecnoloxía, favorecer a conciliación familiar durante as vacacións escolares.
Os participantes poderán afondar no uso seguro e responsable dos dispositivos dixitais a través de dinámicas adaptadas a cada tramo de idade.
O programa inclúe obradoiros dirixidos por persoal especializado, cunha ampla variedade de contidos, por exemplo a Ciberdefensa, para aprender técnicas básicas que permitan crear un “escudo” persoal na rede.
Outro dos obradoiros denomínase Level Up e está orientado a promover un uso equilibrado dos videoxogos e da tecnoloxía.
En Tecnoloxía segura, aprenderán a sacar o máximo partido aos dispositivos sen asumir riscos innecesarios e no obradoiro Competencias dixitais básicas, coñecerán as ferramentas útiles tanto para o estudo como para o lecer.
Ademais, abordarase de forma práctica cuestións como a identidade e privacidade dixital, a pegada nas redes sociais, a detección do acoso en liña e os pasos a seguir en casos de bullying, o control do tempo de pantalla ou a seguridade nas partidas multixogador, entre outros aspectos.
Os campamentos dividiranse en dous grupos, un para rapazada de 6 a 11 anos e outro para participantes de 12 a 17 anos.
As persoas interesadas poden formalizar a inscrición contactando cos respectivos concellos.