Decepcionado. Así se mostrou o concelleiro de Deportes de Pontevedra, Agustín Fernández, ao recoñecer que ningunha empresa presentou oferta para o concurso público de remodelación das piscinas de Campolongo e construción do Centro Lúdico Deportivo da Parda.
O concurso, que pasa por ser un dos proxectos "máis importantes e ilusionantes para Pontevedra" segundo Fernández, declararase deserto á espera de "estudar alternativas".
O concelleiro mantén a súa intención de seguir traballando "para adxudicar a mellora de Campolongo e A Parda o antes posible", pero esta circunstancia supón unha importante freada ao proxecto.
Agustín Fernández: "Penso que é un proxecto moi importante e ilusionante para Pontevedra, seguiremos adiante"
Con todo o responsable municipal de Deportes non contempla adxudicar por separado a xestión de ambos os dous centros, a pesar de que "Campolongo é unha instalación golosa" para as empresas do sector.
Tres delas interesáronse neste concurso público de adxudicación, pero finalmente rexeitaron presentar formalmente unha oferta no prazo que finalizou este mércores.
Para Agustín Fernández isto débese "o prego de condicións moi esixente que fixemos para defender o público", polo que agora estudirán fórmulas máis flexibles como recortar o investimento previsto ou a ampliación do prazo esixido para as obras.
Mentres isto sucede o concelleiro confirmou, para tranquilidade de usuarios e empregados, que "Campolongo funcionará con normalidade" cunha prórroga da concesión "que ten certos elementos de irregularidade pero penso que non terá problemas se está en marcha o procedemento de adxudicación".
O proxecto de xestión conxunta de Campolongo e A Parda establecía un prazo de concesión de 40 anos a cambio dun investimento de case 6 millóns de euros, destinados á reformar do actual centro de Campolongo e a construción de piscinas ao aire libre e pistas de pádel, entre outros equipamentos, na Parda.