Este 19 de abril é o día mundial da bicicleta, no cal a Asociación Pedaladas tiña planeada en Pontevedra unha actividade de reivindicación da bicicleta e da mobilidade sustentable. Esta actividade quedou suspendida pola morte o pasado 9 de abril do ciclista Jorge Valcárcel atropelado cando circulaba pola PO-308, por iso esta é unha xornada de loito para toda a comunidade ciclista.
O loito no mundo da bicicleta represéntase coa bicicleta branca, por iso este mércores compareceron nunha rolda de prensa ante a estatua dos Heroes de Ponte Sampaio en Pontevedra cunha bicicleta desta cor "en representación de quen non está entre nós, de quen sufriu unha inxustiza e que morreu froito da violencia viaria", dixo o voceiro de Pedaladas, Quique Pérez.
Jorge este próximo sábado debería saír a correr proba ciclista da Pontevedra 4 Picos, para a cal adestraba o día do sinistro, por iso este sábado esta bicicleta branca estará presente durante toda a proba deportiva e para a semana acompañará as outras tres bicicletas brancas da avenida de Marín, como "unha gran sinal que lles pide aos condutores precaución e respecto".
Os colectivos ciclistas pontevedreses esixen que as administracións sexan pro activas e melloren as infraestruturas "sen que os ciclistas teñamos que morrer para que asuman a súa responsabilidade".
En concreto diríxense ao Concello de Poio que, a través da súa Policía Local ten "plena consciencia de que os seus veciños estacionan incumprindo a lei", creando unha situación de perigo para peóns e ciclistas e por iso esixen ao Concello que dunha vez faga campaña contra o estacionamento ilegal e sitúe os colectores de lixo de forma axeitada.
Á Xunta de Galicia lle piden que "non debe buscar escusas", e dote a PO-308 de beirarrúas
Á Xunta de Galicia lle sinalan que "non debe buscar escusas", e dote a PO-308 de beirarrúas, pasos de peóns, que sinalice a presenza de ciclistas e a obriga de adiantar respectando o metro e medio de distancia, que tome medidas de calmado de tráfico e adecúe os tramos de travesía aos límites de velocidade correctos e que desatasque "con urxencia" os proxectos de sendas mixtas para ciclistas e peóns.
A Xefatura Provincial de Tráfico demándanlle una campaña de concienciación entre os condutores de como se adianta a un ciclista legalmente, e a súa "implicación real" na sanción das condutas ilegais que poñen en risco aos usuarios da bicicleta.
Finalmente dirixiron unha mensaxe aos condutores en xeral, para que asuman que "usar un automóbil é unha gran responsabilidade", que "a certas idades dispáranse os sinistros con ciclistas implicados", que "as presas matan". Entenden que "non é razoable" que a renovación da licencia de condución sexa un "mero trámite" no psicotécnico e non se esixa validar un mínimo de coñecementos.
"A certas idades dispáranse os sinistros con ciclistas implicados"
"Debemos reciclarnos e a DXT debe asegurarse de que os que teñen unha licencia de condución teñan capacidades e formación acreditada". Estas suxestións van ser entregadas en man ao director da Dirección Xeral de Tráfico, Gregorio Serrano, no congreso Ibérico da Bicicleta en Zaragoza o día 27 de abril. "Non é azar que os últimos atropelos a ciclistas tiveran como protagonista un condutor cunha idade moi avanzada e que claramente descoñecía a normativa", sinalaron nun comunicado ao que lle deron lectura na Praza de España.
"Xa está ben, fagamos algo para parar tanta dor, non máis bicicletas brancas, non máis bágoas", remata este escrito.