O PSOE leva ao Parlamento a denuncia de inseguridade viaria na PO-308 e as demandas de Pedaladas

Poio
17 de xaneiro 2018

Esta iniciativa lévase ao Parlamento neste momento porque a Xunta ten en marcha un proxecto de reforma e mellora da seguridade viaria nesta estrada que non contempla a mobilidade en bicicleta nin as necesarias medidas de seguridade para ciclistas e peóns

Un ciclista na estrada PO-308
Un ciclista na estrada PO-308 / Mónica Patxot

As reiteradas críticas de colectivos sociais á falta de seguridade viaria na estrada PO-308 entre Poio e Sanxenxo chegarán ao Parlamento de Galicia da man do PSdeG e da deputada pontevedresa Patricia Vilán. 

Os socialistas presentaron ante a mesa do Parlamento unha pregunta para a súa resposta oral na comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos na que, ademais, se fan eco das recentes demandas da asociación Pedaladas.

Esta iniciativa lévase ao Parlamento neste momento porque a Consellería de Infraestruturas e Vivenda ten en marcha un proxecto de reforma e mellora da seguridade viaria nesta estrada que non contempla a mobilidade en bicicleta nin as necesarias medidas de seguridade para ciclistas e peóns.

O proxecto co que se traballa tampouco mellora a sinalización para ciclistas nin contempla a adecuación viaria, a mellora do firme das beiravías e demais medidas que revertan na seguridade dos ciclistas e motivou que Pedaladas presentase alegacións ao mesmo.

En concreto, pregunta á Xunta se considera que a PO-308 presenta esta mala seguridade viaria para as persoas usuarias de bicicleta, se cre que o proxecto de reforma e mellora da seguridade presenta tamén inseguridade para os ciclistas e se van ter en conta as alegacións presentadas por Pedaladas.

A pregunta presentada insiste en que a estrada PO-308 é "extremadamente perigosa" en varios puntos e recorda que o anterior conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, recoñeceu que é unha das estradas máis saturadas e unha das máis utilizadas para ir ás praias na tempada estival.

Ademais, insiste en que nalgunhas zonas non existe nin beiravías, no verán é habitual que se produzan accidentes todas as semanas e téñense producido varias mortes . A pesar de que é unha das estradas pontevedresas con maior tránsito de persoas en bicicleta, presenta "mala seguridade viaria para os usuarios" deste vehículos.