Non haberá "portelo único" para as ayudas do plan de rescate á hostalería

Pontevedra
30 de xaneiro 2021

Haberá diñeiro para rescatar á hostalería e ao turismo, uns 100 millóns de euros segundo cálculos do sector, pero para solicitalas os afectados terán que chamar a varias portas. Non foi posible o consenso entre a Xunta de Galicia, as deputacións e os concellos

Terraza recollida nun bar de Sanxenxo
Terraza recollida nun bar de Sanxenxo / Mónica Patxot

Haberá diñeiro para rescatar á hostalería e ao turismo, uns 100 millóns de euros segundo cálculos do sector, pero para solicitalas os afectados terán que chamar a varias portas. Non foi posible o consenso entre a Xunta de Galicia, as deputacións e os concellos.

As negociacións a tres bandas, nas que tamén estaban presentes representantes de ambos os sectores, fracasaron. O principal punto de desencontro, máis aló das cantidades que pon cada parte, foi quen xestionaría esas axudas.

Que pasará entón? Pois, probablemente, que cada administración impulsará o seu propio plan de axudas. A primeira en confirmalo foi a propia Xunta de Galicia.

O executivo autonómico, ao remate da reunión, confirmou que "comeza a tramitar" este "segundo plan de rescate para autónomos e hostaleiros", co obxectivo de que as axudas "cheguen coa máxima urxencia" aos afectados pola crise xerada pola covid-19.

"O sector di que morre e necesita axudas xa", sinalou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que lamentou que concellos e deputacións "non se unan" ao plan conxunto e mostrou o seu compromiso de "axilizar ao máximo posible" estas axudas.

A Xunta activará un fondo de 75 millóns de euros. As axudas concederanse en febreiro e, segundo os seus responsables, terán menos requisitos e serán máis rápidas, acumulables e complementarias coas recibidas en calquera outro plan anterior.

O importe das contías será maior en función das porcentaxes de perda acreditadas polos solicitantes e outra das novidades é que os autónomos non terán que acreditar recibir a prestación por cesamento de actividade. Tampouco se lles esixirá ás microempresas ter activo ou ter pasado por un ERTE para optar ao diñeiro. 

Ademais, recibirán diñeiro deste fondo de rescate os establecementos pechados como consecuencia das últimas restricións pero tamén os que soamente puideron servir comidas e bebidas en terrazas, para levar, ou a domicilio nas últimas semanas.

OS ENTES LOCAIS LAMENTAN A "INTRANSIXENCIA" DA XUNTA

As tres deputacións gobernadas por PSdeG-PSOE e BNG, entre elas Pontevedra, defendían, do mesmo xeito que os concellos a través da Fegamp, que se destinase un 1% de cada orzamento a estas axudas, o que elevaría o plan de rescate ata os 140 millóns de euros, e que fosen xestionadas polos concellos.  

Nun comunicado conxunto, os gobernos provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra censuraron a "intransixencia" da Xunta e lamentan que "perdéramos a oportunidade de articular un verdadeiro plan coordinado de rescate".

A liña de axudas que impulsará o goberno galego é, segundo as deputacións, "claramente insuficiente" e que se presentou como unha postura "pechada de antemán" e ante a que non foi posible o diálogo ao querer "impoñer o seu criterio custe o que custe".

"A Xunta entrou na reunión coa intención de romper, non quixeron escoitar", denunciou o deputado pontevedrés Carlos Font, que asegurou que o principal problema foi que o goberno galego "non quere ceder fondos nin xestión aos concellos".

Tras esta falta de acordo, as deputacións avanzaron que manterán o seu compromiso para destinar o 1% dos seus orzamentos a programas propios de axudas ou plans de reactivación económica nas súas respectivas provincias, para axudar a paliar os efectos sociais e económicos da pandemia entre os sectores máis afectados. 

O presidente da Fegamp, Alberto Varela, avanzou que tamén as administracións locais poñerán o 1% dos seus orzamentos para o rescate á hostalería e mostrouse disposto a seguir coas negociacións porque "nós non nos levantamos".

"Pedíasenos celeridade e creo que máis rápidos non puidemos ser, aínda que non se conseguiu ese fondo único diría que estas tres xornadas son produtivas", valorou o alcalde de Vilagarcía, que lembrou que a Xunta elevou a 75 millóns a súa achega pola "presión local".