"Non vos preocupedes", a mensaxe dun dos sobreviventes do naufraxio á súa familia

Marín
15 de febreiro 2022

Dous dos tres mariñeiros rescatados, Juan Padín e Eduardo Rial, son membros dunha mesma familia de Cangas. Saber deles, no medio do sinvivir polas noticias que chegaban de Canadá, foi un alivio no medio de todo este vórtice

Sara e Gloria, familiares de dous dos sobreviventes do naufraxio TVG

Unha breve chamada pouco antes das dúas da tarde levou a Cangas unha das poucas alegrías que reportou este martes o naufraxio do "Villa de Pitanxo". Alén do teléfono estaba Juan Padín, un dos tres sobreviventes desta traxedia marítima.

"Non vos preocupedes. Estou ben", foi o pouco que atinou a dicir este home de 55 anos, pero para a súa familia, que xa desde primeira hora da mañá estaba nun sinvivir, polas noticias que chegaban de Canadá, foi un alivio no medio de todo este vórtice.

Pero a sorpresa foi dobre para eles porque xunto a el tamén foi rescatado Eduardo Rial, de 41 anos, sobriño de Juan. Ambos foron dous dos tres tripulantes localizados con vida.

Esta circunstancia non impide que, nestes momentos, "non podemos deixar de pensar en como estarán os demais", relata Gloria, nai de Eduardo e irmá de Juan, que asegura estar "moi triste" tras enfrontarse a unha experiencia "moi dolorosa".

"Só quero que volvan para casa que é o máis importante", asegura a muller, que explica que o único que saben é que un helicóptero levounos ao hospital "e que teñen unha hipotermia moi grande", segundo confirmáronlles as autoridades.

Ao seu lado, na casa rural de O Hío propiedade da familia, Sara engade que ela se comunicou o seu noivo Eduardo, ás 4:30 da madrugada. "Escribiume que ía traballar e que facía moi mal tempo, e xa pola mañá decatámonos disto", relata.

"Dou grazas que están vivos, pero síntoo polo resto das familias, débeno de estar a pasar moi mal, como o pasei pola mañá pensando que el non volvía a casa", subliña Sara, que espera unha chamada dos seus "para polo menos oílos e que nos digan algo".

O que tamén lle preocupa é o estado psicolóxico no que ambos regresarán a casa porque "viron morrer aos seus amigos, persoas coas que se tiran máis de dous meses seguidos", polo que se teme que será "un golpe moi duro para eles".