Nova concentración sindical para reclamar a dimisión da directiva da xerencia do Complexo Hospitalario

Pontevedra
16 de novembro 2020

Reclaman a realización de probas PCR ou equivalentes a todo paciente que ingrese no Complexo Hospitalario, ademais de controis dos accesos tanto no caso de acompañantes de pacientes como no acceso a consultas externas e visitas a ingresados. Tamén piden a limitación de movemento de persoal sanitario entre zonas covid e non covid

CIG, UGT, OMEGA, CSIF, CCOO, TSP e SATSE piden a dimisión da directiva da área sanitaria Pontevedra-O Salnés SATSE

Os sindicatos sanitarios de Pontevedra CIG, UGT, OMEGA, CSIF, CCOO, TSP e SATSE, que representan ao 60% das forzas sindicais dentro da Xunta de Persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), concentrábanse este luns para pedir a dimisión da directiva que se encarga da xerencia na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés e que se atopa liderada polo xerente José Ramón Gómez.

Só os representantes destes sindicatos concentrábanse evitando facer un chamamento a outros traballadores do centro para evitar riscos de contaxio. Entre as súas demandas está a petición de que se realicen probas PCR ou equivalentes a todo paciente que ingrese no Complexo Hospitalario. 

Estes sindicatos consideran un risco para o persoal que se realicen ingresos sen ter en conta que existen portadores asintomáticos de covid, indican poñendo como mostra as cifras de contaxio entre traballadores dos hospitais públicos de Pontevedra.

Tamén solicitan controis no acceso a estes centros hospitalarios tanto de acompañantes como de visitas a pacientes; ademais de regular o acceso ás consultas externas. Ademais solicitan probas PCR por contrato ao persoal eventual que se atopa operativo, ademais da limitación de movemento de traballadores entre as zonas covid e as zonas non covid.

Insisten en que todo o persoal conte con máscaras FFP2, unha solicitude que trasladarán á reunión de Comité de Seguridade e Saúde que se celebrará este martes 17.

Estes representantes sindicais reiteran o seu malestar porque desde hai case dous meses a dirección da área sanitaria non mantivo contacto coa Xunta de  Persoal e, ante a falta de información, piden a dimisión da xerencia, dirección asistencial, dirección de Recursos Humanos, dirección de Enfermería e de Xestión.