Xa hai datas para a nova edición de Pontedetapas: será entre os días 5 e 23 de novembro

Pontevedra
03 de outubro 2025

Os bares e restaurantes poderán presentar unha creación para cada unha das tres modalidades existentes: mellor tapa tradicional, mellor tapa creativa e mellor cóctel. As inscricións xa están abertas

Roteiro inaugural de Pontedetapas
Roteiro inaugural de Pontedetapas / Mónica Patxot

Un dos certames gastronómicos máis valorados polos pontevedreses, o Pontedetapas, está de volta. A súa edición de 2025 terá lugar entre os días 5 e 23 de novembro.

Pontedetapas, segundo destaca o goberno municipal, ten como obxectivo reforzar a marca da cidade e dinamizar tanto o comercio local como o sector da restauración.

Os bares e restaurantes poderán presentar unha creación para cada unha das tres modalidades existentes: mellor tapa tradicional, mellor tapa creativa e mellor cóctel.

En todas elas, premiarase a utilización de produto de calidade e típico da gastronomía galega.

En concreto, a mellor tapa tradicional dará prioridade a aquelas propostas inspiradas en receitas tradicionais da cociña do noso, mentres que a mellor tapa creativa valorará a orixinalidade na presentación, nos sabores e na elaboración da mesma.

A modalidade cóctel, pola súa banda, premiará a mellor proposta de bebida.

De entre todas as tapas e bebidas, o público escollerá mediante votación popular a Tapa Pontevedra que representará á cidade no certame De tapas por Galicia, promovido por Turismo de Galicia para seleccionar o mellor petisco das sete grandes cidades galegas.

Os establecementos hostaleiros que queiran participar poderán inscribirse ata o próximo 6 de outubro. A cota de inscrición é de 60 euros por local.

As bases e o formulario están dispoñibles nas páxinas pontedetapas.com e visit-pontevedra.com.