O plan de asfaltados despregado polo Concello de Pontevedra, cun macrocontrato finalmente de máis de 4,4 millóns de euros, afronta unha nova fase.
Este próximo luns 29 de xuño, anuncia a Concellaría de Servizos Urbanos Básicos, as máquinas arrincarán cos traballos de fresado e asfaltado do segundo tramo da Rúa Doce de Novembro, no treito comprendido entre as rúas Teixoeira-Hortas e Loureiro Crespo, na zona da Pasarela.
Estes traballos prolongaranse previsiblemente até o mércores 1 de xullo.
Para asegurar a maior fluidez de tráfico posible, a Policía Local de Pontevedra deseñou un plan especial de mobilidade no que sempre permanecerá aberto o sentido de circulación de José Malvar a Eduardo Pondal.
No que respecta ao sentido inverso, o tráfico rodado será desviado cara ao barrio da Parda.
No centro urbano, unha vez acabe a intervención en Doce de Novembro, as obras trasladaranse de maneira sucesiva ás rúas José Adrio, José Malvar, á contorna da ponte dos Tirantes e á rúa Cobián Roffignac.
Ao mesmo tempo, o plan de asfaltados está a despregarse tamén polo rural pontevedrés.
Así, o xoves día 25 arrincaron obras en estradas de Campañó, nos lugares de Banqueira e Barragáns. Posteriormente, confirma o Concello, as máquinas trasladaranse a Salcedo a lugares como Birrete, Laxiñas ou o acceso ao novo campo de fútbol.
Despois a maquinaria chegará aos polígonos empresariais do Campiño e O Vao, onde está prevista a renovación do 100% da superficie rodada.