O litoral de Bueu dará un novo paso cara unha mobilidade máis sostible e segura, segundo anunciou María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
Na súa visita á vila anunciou o proxecto para habilitar un novo itinerario peonil de 1,3 quilómetros na PO-551, que conectará as populares praias de Lapamán, Portomaior e Agrelo cos núcleos de poboación da contorna.
A conselleira María Martínez Allegue, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, achegábase a zona onde se desenvolverá a actuación, que suporá un investimento próximo aos 700.000 euros, cofinanciados con fondos europeos FEDER.
O novo tramo, que se enmarca na segunda fase do Plan de Sendas de Galicia, arrancará na glorieta de acceso á praia de Lapamán e rematará nas beirarrúas existentes en Agrelo, pasando pola rotonda que dá acceso á praia de Portomaior.
A previsión é que o proxecto se someta a información pública a finais deste ano para iniciar as obras en 2026.
"Esta actuación porá aínda máis en valor unha das zonas de praia máis concorridas no verán por veciños e visitantes", destacou a conselleira durante a súa visita a Bueu.
Allegue subliñou que este novo treito dará continuidade á senda xa executada entre Vilaseca e Lapamán, no concello de Marín, acadando así case 3 quilómetros de itinerario continuo.

O proxecto completa unha serie de actuacións que a Xunta vén desenvolvendo na zona nos últimos anos.
En Bueu, xa se executou unha senda entre Trasouto e o Alto da Portela cun investimento de 570.000 euros, mentres que en Marín habilitouse outro itinerario entre Bagüín e Seixo por preto de 700.000 euros.
Unha vez finalizada esta nova actuación, será posible camiñar de xeito continuo entre Marín e Bueu ao longo da estrada autonómica PO-551. "Coa senda que está en execución na estrada vella de Marín, poderase camiñar entre Pontevedra e Bueu", engadiu a conselleira.
O Plan de Sendas de Galicia, impulsado polo Goberno autonómico, suma xa 300 quilómetros de itinerarios peonís e ciclistas nas marxes das estradas autonómicas.