Nova vítima mortal como consecuencia da covid-19 no Hospital do Salnés

Pontevedra
01 de decembro 2020

Trátase dun home de 93 anos de idade con patoloxías previas que se atopaba ingresado no centro hospitalario. Durante as últimas 24 horas falecían 10 persoas en Galicia diagnosticadas por coronavirus, segundo a información facilitada polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS)

Hospital do Salnés
Hospital do Salnés / PontevedraViva

Un home de 93 anos perdía a vida durante as últimas horas no Hospital do Salnés debido á enfermidade da covid-19, segundo a información facilitada polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS). O home falecido contaba cun historial clínico no que figuraban enfermidades previas. 

Con esta nova vítima, a área sanitaria de Pontevedra - O Salnés suma xa 56 falecementos debido ao coronavirus desde o inicio da pandemia. Continúan 6 pacientes covid ingresados na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo.

Con esta morte foron dez as persoas que falecían durante as últimas horas en Galicia diagnosticadas por coronavirus. Unha muller de 80 anos perdía a vida no  Complexo Hospitalario de Ferrol; un home de 97 anos e unha muller de 67 no  Complexo Hospitalario de Ourense; un home de 84, no Hospital  HM-Modelo Belén da Coruña; no  Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC) falecían unha muller de 88 e un home de 68 anos, mentres que Hospital Universitario  Lucus  Augusti ( HULA) morrían unha muller de 82, procedente da Residencia San Salvador de Guntín e unha muller de 74, procedente da Residencia de Vilalba.

A estas vítimas de idades avanzadas súmase a dun home de 28 anos que perdía a vida no Complexo Hospitalario de Vigo, procedente da Residencia de discapacidade  Doral.

Segundo a Consellería de Sanidade, todas as persoas contaban con patoloxías previas. Estas perdas elevan o número de vítimas en Galicia por esta enfermidade á cifra de 1.221 persoas.