Unha muller de 80 años falecida en Montecelo, vítima número 57 da pandemia na área sanitaria

Pontevedra
02 de decembro 2020

A muller falecía por coronavirus nas últimas horas cun historial clínico en que se presentaban patoloxías previas, segundo a información facilitada polo Servizo Galego de Saúde. A súa morte súmase a outras seis vítimas da covid-19 que se rexistraron en Galicia durante esta última xornada 

Ambulancia en Urxencias do Hospital Montecelo
Ambulancia en Urxencias do Hospital Montecelo / Mónica Patxot

A suma de vítimas por coronavirus non cesa en Galicia nin tampouco na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés. Nas últimas horas falecía unha muller de 80 anos no Hospital Montecelo, segundo a información facilitada polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS). A vítima presentaba un cadro clínico no que figuraban patoloxías previas.

Esta morte vén precedida pola dun home de 93 anos, que falecía durante a xornada de onte no Hospital do Salnés. Segundo os datos que ofrece a xerencia da área sanitaria, desde o inicio da pandemia faleceron 57 persoas como consecuencia desta enfermidade nos centros hospitalarios de Pontevedra e O Salnés.

Durante as últimas 24 horas en Galicia rexistráronse 7 falecementos de persoas diagnosticadas por coronavirus.

No Complexo Hospitalario de Vigo morría un home de 75 anos, procedente da Residencia CRAPD-Vigo 2; outra muller, de 86 anos, falecía na residencia integrada para pacientes covid Bo Día Sagunto de Vigo, procedía da Residencia Bo Día Sagunto de Nigrán; unha muller de 86 anos perdía a vida no seu domicilio na área sanitaria da Coruña, mentres que outra muller, de 91 anos, falecía no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Outra muller, de 92 anos, no Complexo Hospitalario de Ferrol e un home de 70 anos no Hospital Universitario Lucus Augusti tamén falecían durante está xornada. 

En total, en Galicia ata o momento rexistráronse 1.228 mortes pola enfermidade covid-19, segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade.