Unha muller de 71 anos e un home de 80 falecen en Montecelo por coronavirus

Pontevedra
03 de decembro 2020

As vítimas na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés elévanse con estes dous novos falecementos a 59 vítimas desde o inicio da pandemia. Durante estas últimas 24 horas perderon a vida en Galicia oito persoas debido á covid-19. Todos os pacientes contaban con cadros clínicos onde figuraban enfermidades previas

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / PontevedraViva

Unha muller de 71 anos, que procedía da Residencia de Vilaboa, e un home de 80 anos de idade son as dúas novas vítimas da covid-19 no Hospital Montecelo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Con estas dúas novas vítimas a cifra de falecidos na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés ascende a 59 mortes por coronavirus desde o inicio da pandemia, segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade. A vítima anterior neste perímetro sanitario producíase este mércores coa morte dunha muller de 80 anos tamén no Hospital Montecelo.

Con estas dúas novas vítimas, o número de persoas falecidas durante as últimas 24 horas en Galicia sitúase en 8 persoas. En Vigo perdían a vida un home de 70 anos, no Hospital Álvaro Cunqueiro, que procedía de Doralresidencias de Mos e unha muller de 85 anos, que falecía no Hospital de Povisa.

A estes casos súmase a morte dun home de tan só 56 anos, no Complexo Hospitalario de Ferrol; unha muller de 77 anos, no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee; un home de 91 anos, no Complexo Hospitalario de Santiago e un home de 81 anos, que falecía no Complexo Hospitalario da Coruña. Todas as persoas falecidas contaban con cadros clínicos nos que figuraban enfermidades previas.

En total, en Galicia ata o momento rexistráronse 1.236 mortes pola enfermidade covid-19, segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade.