Novas armas para os traballadores da limpeza

Pontevedra
25 de outubro 2018

A empresa concesionaria do servizo de limpeza, Ferrovial, incorporou "cinco máquinas de nova xeración", varredoras e limpadoras, e outra de lavado de auga en alta presión. Os traballadores, satisfeitos coa mellora, seguen pedindo un aumento do persoal

Presentación da nova maquinaria do servizo de limpeza Mónica Patxot

A Praza da Peregrina serviu de escenario este xoves para a presentación da nova maquinaria adquirida polo servizo de limpeza e recollida de lixo no municipio, a cargo da empresa Ferrovial Servizos tras prorrogar o Concello o contrato que lles unía durante tres anos máis.

Froito desa prórroga, segundo establecían as condicións pactadas, a concesionaria incorporou "cinco máquinas de nova xeración", tres varredoras e dúas limpadoras, explicou o xerente da empresa na zona, Jorge Pérez.

A iso súmase ademais un remolque de auga quente a presión que "quita todo tipo de manchas tanto na rúa coma nas paredes sen utilizar produtos químicos", sinalou Pérez.

"A maquinaria nova vai ser moi boa para o servizo de limpeza", recoñeceu no acto a concelleira responsable desta área, Carme da Silva, entendendo que "cada vez hai máis esixencia na limpeza".

Estas varredoras e limpadoras, sinalou o responsable de Ferrovial, "reducen as emisións de gases nocivos nun 55% e na emisión de ruidos 10 decibelios menos", aínda que non supoñerán por agora un incremento no persoal, tal e como demandan os traballadores, xa que "estamos a cumprir o plantel que está na nosa oferta, o que facemos agora é mecanizar máis o servizo co cal o rendememto e a produción é maior", defendeu.

Neste aspecto Carlos Corredoira, representante sindical dos traballadores, valorou como positiva a incorporación dun material que "boa falta nos facía" pero recalcou que " é obvio que fai falta persoal" polo crecemento experimentado pola cidade. O presidente do comité de empresa entende que o plantel debería aumentarse dos 125 traballadores actuais a 150 "para cubrir todas as necesidades".