Novas incidencias eléctricas no centro urbano durante a final do Mundial de baloncesto

Pontevedra
15 de setembro 2019

Tres cortes eléctricos de escasa duración producíanse en Pontevedra na contorna da rúa Eduardo Pondal durante este domingo xusto cando a selección española e a arxentina disputaban a final. Pola tarde, outro corte afectou á veciñanza de San Antoniño durante máis dun cuarto de hora

Cambio de transformador eléctrico na rúa Lepanto
Cambio de transformador eléctrico na rúa Lepanto / PontevedraViva

Os representantes de Naturgy presumen ante as autoridades locais e autonómicas de que Pontevedra conta cun dos mellores servizos de subministración eléctrica de España. Moitos afeccionados ao baloncesto rexeitarán esta afirmación despois do sucedido este domingo. Durante a final do Mundial do deporte da canastra que, ás 14.00 horas, disputaban a selección arxentina e a española rexistráronse ata tres cortes eléctricos de escasa duración pero que provocou o malestar das persoas que nese momento estaban a ver o encontro ou facendo calquera outro uso de aparellos eléctricos, coincidindo ademais co horario do xantar.

A situación chegou mesmo a provocar reaccións entre indignadas e divertidas nas redes sociais:

Estes cortes de luz producíanse na contorna da rúa Eduardo Pondal, onde xa durante a mañá do sábado rexistrouse outro corte de similares características.

Máis sorprendente foi o corte, ao redor das 18.30 horas do domingo, nas rúas próximas a San Antoniño. Alí rexistrábase un apagamento superior a un cuarto de hora nunha zona castigada habitualmente por frecuentes cortes na subministración eléctrica.

A incidencia, segundo indicaron os veciños desas rúas, debíase ao operativo iniciado pola empresa Elecnor Infraestruturas para realizar o cambio do transformador eléctrico que se atopa instalado na rúa Lepanto, que sufrira unha avaría o 1 de setembro deixando sen luz durante máis de catro horas ao centro urbano. 

Pontevedra está a sufrir numerosos apagamentos en horas punta durante este verán, o que levou ao delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís e ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a pedir explicacións a  Naturgy, empresa encargada do servizo.