Nove empresas optan a executar os lombos, ensanches de calzada e asfaltados previstos en Sanxenxo

Sanxenxo
17 de abril 2023

En total realizaranse 16 asfaltados nas sete parroquias que abarcan unha superficie lineal de 5.274 metros e inclúense a limpeza e apertura de cunetas, recrecidos de pozos e pintados

Traballos de asfaltado Covsa

Un total de nove empresas presentaron a súa oferta para executar o plan de asfaltados licitado polo Concello de Sanxenxo por 866.427 euros. 

Trátase de Construcciones Caldevergazo, Construcciones E.C. Casas, Construcciones Fechi, Covsa, Movimientos de Áridos y Construcciones de Arosa, Narom, Nemesio Ordoñez, Oresa, Construcciones y Servicios Globales y Prace, Servicios y Obras. 

En total realizaranse 16 asfaltados nas sete parroquias que abarcan unha superficie lineal de 5.274 metros e inclúense a limpeza e apertura de cunetas, recrecidos de pozos e pintados. O prazo total previsto para a execución das obras é de catro meses e serán financiadas co Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Trátase dunha actuación que permitirá mellorar a seguridade do vial destas estradas ao mellorar o seu firme, nalgúns casos notablemente deteriorado, o que dá lugar a situacións de risco e inseguridade para os usuarios. En liñas xerais prevese a extensión dunha capa de rodadura e unha regulación do firme nos tramos necesarios.

En función das características de cada vial, seguíronse unha serie de pautas de asfaltado e pavimentación para mellorar a capacidade portante do firme.

Así, nun total de dez pistas contempladas no proxecto realizarase un ensanche previo: Telleiro-Talleres Arbón, Salgueira Arnosa, A Bouza-A Lomba, Carballal, O Santo-Xunqueiriña-Polígono, Paxariñas- Barreira, Canelas, Reis-Cachadelos, Os Cotos-Paradela e A Costa- A Granxa. 

Outros tres precisan dun tratamento especial no firme como son as bandas transversais para a redución de velocidade, popularmente coñecidos como "lombos", no vial Telleiro-Hotel A Lanzada e dúas sendas peonís, unha entre Telleiro- Talleres Arbón e outra entre Salgueira e Arnosa.