O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta este venres de varias medidas aprobadas na Xunta de Goberno Provincial e que abranguen desde o envellecemento activo ata o turismo ou a dinamización cultural dos concellos.
Un dos piares é a posta en marcha do programa Provincia Activa, cuxa xestión sairá a contratación cun orzamento próximo aos 270.000 euros. A iniciativa está orientada ao envellecemento activo e prevé a participación dunhas 3.000 persoas ao longo de 2026, mediante a organización de 160 obradoiros temáticos distribuídos pola provincia.
No ámbito do sector primario, o executivo provincial aprobou tamén dúas liñas de axudas que suman 700.000 euros, destinadas a apoiar tanto ás confrarías de pescadores como ás cooperativas agrarias e gandeiras, co obxectivo de reforzar a súa actividade e competitividade.
O turismo figura igualmente entre as prioridades da Deputación, que vén de activar dous programas de subvencións por un total de 180.000 euros. Por unha banda, destínanse 100.000 euros ao impulso do turismo deportivo, cunha convocatoria que permitirá ás entidades beneficiarias acceder a achegas de ata 5.500 euros para organizar eventos como carreiras, travesías ou regatas. O pasado ano, este programa chegou a 24 entidades de 15 concellos.
A segunda liña, dotada con 80.000 euros, céntrase no desenvolvemento de actividades turísticas singulares e na organización de eventos, como xornadas especializadas ou iniciativas de promoción vinculadas ao enoturismo ou ao turismo astronómico. Segundo destacou López, estas accións contribúen a consolidar a provincia como un destino de referencia, especialmente en períodos de alta demanda como a Semana Santa.
A programación cultural tamén recibe un importante impulso coa aprobación de 93 concertos en 58 concellos dentro do programa +Música, que contará cun investimento de 700.000 euros en 2026. Trátase, segundo o presidente provincial, dunha iniciativa que reforza a lingua, a cultura e a cohesión territorial, cunha quincena de actuacións máis que no exercicio anterior.
No eido da convivencia cidadá, a Deputación destinará preto dun millón de euros ao programa +Convivir, que se desenvolverá entre maio deste ano e marzo de 2027 en 33 concellos. A proposta combina actividades lúdicas, especialmente dirixidas á infancia e á mocidade, con contidos formativos sobre ámbitos como a saúde ou o uso das novas tecnoloxías. Ata o momento, arredor de 10.000 persoas participaron en anteriores edicións desta iniciativa.
Por último, a Xunta de Goberno aprobou tamén novas achegas do programa +Provincia, cun investimento superior aos 400.000 euros que beneficiará aos concellos de Poio, Covelo e Tomiño.