Luís López, delegado territorial da Xunta de Galicia, visitaba esta mañá en Cuntis o Centro de Formación Ocupacional A Ran de Cuntis, acompañado polo alcalde deste municipio, Manuel Campos, e polos rexedores de Caldas de Reis, Barro, Moraña e Portas. Alí, o representante da Xunta anunciou que a administración autonómica concede dous Programas Integrados de Emprego (PIE) a favor da Mancomunidade do Salnés e dos concellos de Ulla-Umia cun investimento de 500.000 euros.
Estas propostas, segundo a Xunta, mellorarán as posibilidades de emprego de 200 persoas desempregadas. O PIE concedido aos concellos do Ulla-Umia baixo a dirección de Cuntis alcanza a quinta edición e conta cun investimento de 250.000 euros. O obxectivo marcado é lograr unha inserción laboral de, polo menos, o 40% entre os seus cen participantes. Iniciarase de maneira inmediata e o contido centraranse en cursos de formación, mellora de habilidades profesionais e outras medidas laborais, que se desenvolverán ao longo dun ano. Colaboran con esta iniciativa 58 empresas da zona.
No Salnés, o novo programa permitirá dar continuidade ao finalizado fai quince días e contará con outro investimento de 250.000 euros. A inserción laboral prevista alcanza o 45%. Os cen participantes recibirán unha preparación similar ao de Ulla-Umia, con outras tantas empresas colaboradoras. Este programa logrou un 91% de inserción laboral nesta zona en anteriores edicións, segundo apuntou o delegado territorial.