O 19 de decembro remata o prazo para que os concellos se adhiran ao plan de compostaxe

Pontevedra
03 de novembro 2016

O vicepresidente provincial pretende que a mediados de 2017 xa haxa concellos que apliquen a compostaxe como sistema de xestión de lixo

Xuntanza da II Fase do Plan Revitaliza de compostaxe Mónica Patxot

Ata 100.000 veciños da provincia beneficiaranse da compostaxe grazas ás novas subvencións do Plan Revitaliza. O vicepresidente César Mosquera así o asegurou este xoves na reunión que mantivo con alcaldes, concelleiros e técnicos para explicar as liñas de axuda da segunda fase do programa provincial que, para este ano, ascenden a 1.250.000 euros e permitirán aos concellos mercar composteiros individuais e comunitarios. 

Segundo indicou, "o obxectivo é que a mediados de 2017 boa parte da provincia aplique a compostaxe como sistema de xestión do lixo".

No encontro cos representantes municipais Mosquera explicou que os concellos teñen de prazo ata o 19 de decembro para formalizar en Pleno ou aprobar en Xunta de Goberno a súa adhesión formal ao Plan Revitaliza.

Este compromiso busca garantir que o concello traballará durante este mandato para cumprir coas obrigas legais de, no ano 2020, tratar alomenos o 35% da fracción orgánica do lixo que produce o municipio mediante compostaxe.

Unha vez formalizada a adhesión os concellos poderán beneficiarse de tres liñas de colaboración: formación de persoal, elaboración dun plan de residuos e subvención de compra de composteiros.