O afundimento interior dun edificio obriga a acordoar parte das prazas da Verdura e da Leña

Pontevedra
23 de xullo 2014

Segundo a intervención da Policía Local e dos Bombeiros, os servizos de emerxencia recibiron unha chamada ás 14.46 horas avisando dun ruído procedente do edificio situado entre os bares Feira Vella e Aleph, na rúa Figueroa. Tamén se informaba dunha polvareda procedente do interior do edificio

Estado no que quedou o edificio da rúa Figueroa tras sufrir un afundimento no seu interior
Estado no que quedou o edificio da rúa Figueroa tras sufrir un afundimento no seu interior / Mónica Patxot

Os servizos de emerxencia municipais, xunto co departamento técnico do Concello e unha empresa colaboradora traballaron dende as tres menos cuarto da tarde deste mércores no apuntalamento dun edificio abandonado con fachadas ás prazas da Leña e da Verdura.

Os traballos prolongáronse toda a tarde para garantir a estabilidade das fachadas do edificio e, polo tanto, a seguridade de todos os veciños e usuarios destas concurridas prazas.

A concelleira de Protección Cidadá, Carme da Silva trasladouse ata o lugar do suceso para coñecer a trascendencia do ocurrido, e atópase ao fronte do operativo municipal.

Segundo a intervención da Policía Local e dos Bombeiros, os servizos de emerxencia recibiron unha chamada ás 14.46 horas avisando dun ruído procedente do edificio situado entre os bares Feira Vella e Aleph, na rúa Figueroa. Tamén se informaba dunha polvareda procedente do interior do edificio.

Logo da inicial intervención dos servizos de emerxencia, os técnicos municipais concluíron que se produciu o afundimento parcial da cuberta e do primeiro piso do inmoble, causa do estruendo e do po. O edificio atopábase en moi malas condicións interiores, o que provocou o afundimento.

Coa colaboración da constructora Ediserpo, especializada na rehabilitación de interiores, os técnicos municipais acordaron o apuntalamento da fachada do edificio que dá á praza da Verdura xa que estaba abombada. Instalarase unha viga metálica transversal que recorra as cornisas do inmoble, e suxeitarase ao chan con outras vigas. Ademais, colocarase un valado metálico de entre cinco e seis metros de alto para evitar desprendementos á praza.

Inicialmente a fachada da praza da Leña non se atopa comprometida polo derrube.

Para garantir a seguridade dos peóns nas prazas, está acordonada a fachada do edificio na Verdura até os bancos situados na metade da praza para evitar o tránsito peonil.

Ao respecto da praza da Leña, tamén se atopa acordonada a fachada do edificio.

Todos os veladores situados neste ámbito foron retirados e resituados en distintos puntos das prazas para tratar de prexudicar o menos posible aos negocios hostaleiros.

O Concello de Pontevedra asumirá todos os gastos necesarios para asegurar a estrutura do edificio e garantir a seguridade dos viandantes. A factura remitiráse posteriormente aos propietarios do inmoble, aos que xa se localizou.