O alcalde de Cambados xestiona coa congregación relixiosa demorar os prazos de venda do asilo

O Salnés
24 de setembro 2023

O Concello de Cambados está xestionando coa congregación das Hermanitas de los Ancianos Desamparados, propietaria do asilo, a posibilidade de demorar os prazos de venda do inmoble para poder ter maior marxe de manobra na busca de solucións ao problema que suporía o seu peche  

Pazo de Montesacro, asilo de Cambados
Pazo de Montesacro, asilo de Cambados / Concello de Cambados

O Concello de Cambados está xestionando coa congregación das Hermanitas de los Ancianos Desamparados, propietaria do asilo, a posibilidade de demorar os prazos de venda do inmoble para poder ter maior marxe de manobra na busca de solucións ao problema que suporía o seu peche.

Para tal fin, o alcalde Samuel Lago manterá conversas a vindeira semana con representantes da orde en Valencia para, ademáis, tentar reducir o prezo de venda establecido.

O obxectivo do goberno local é que o Pazo de Montesacro quede en mans públicas e que siga destinado a residencia de maiores.

Dende que se confirmou públicamente a situación, o alcalde Samuel Lago mantivo contactos cos presidentes da Xunta e da Deputación, co grupo inmobiliario que ten o pazo de Montesacro en venda, coa congregación relixiosa en Valencia e coa representación da parroquia en Cambados.

"Temos xa contactado coa congregación coa que agardamos obter o compromiso de que se demore a venda e nos dea maior marxe de manobra para ver como se pode articular a continuidade do asilo en coparticipación con outras administracións", avanza o alcalde.

Neste sentido, Samuel Lago amósase moi crítico coa postura que ven mantendo en todo este proceso a voceira do PP Sabela Fole "que ata de agora non se dedicou máis que a poñer paus na roda e a defender os intereses do PP".

Samuel Lago considera que aínda que fora posible a compra do inmoble por parte do Concello, "ese crédito nos abocaría a prescindir de inversións en obras e actuacións durante un longo período de tempo".

Pero é que, ademáis, "o Concello ten un límite de gasto, en base ás normas fiscais, que impide endebedarnos no importe millonario da adquisición do pazo, de xeito que ainda que conseguíramos o préstamo bancario, legalmente non podemos executar tal operación", lembra o alcalde.

Asimesmo, o rexedor lembra que existe un problema de competencias e "aínda que o Concello comprara o inmoble non pode destinalo a fins asistenciais de residencia de maiores, que é o obxetivo prioritario para este goberno".

Ante esta situación, Lago entende que "o máis lóxico, sensato e razoable é que en todo este proceso se implique unha administración que tamén teña as competencias para xestionar o asilo" como é a Xunta de Galicia "pero xa comprobamos as reticencias expresadas polo presidente da Xunta despóis de que eu personalmente abordara con el este tema", finaliza o rexedor.