O alcalde insta á Xerencia da Área Sanitaria a cubrir "canto antes" a baixa dunha médico no Centro de Saúde de Moraña

Umia
29 de decembro 2022

Desde o Concello, o rexedor mostra todo o seu apoio aos veciños afectados. "Presionaremos para que esta situación se resolva o antes posible e non volvamos vivir situacións de tensión asistencial no noso Centro de Saude"

José Cela no Centro de Saúde de Moraña
José Cela no Centro de Saúde de Moraña / Concello de Moraña

O alcalde de Moraña, José Cela contactou este xoves coa Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra-Salnés para solicitar que se cubra "canto antes" a baixa médica dun dos facultativos do Centro de Saúde de Moraña, o que provoca que nestes momentos só haxa un médico na vila.

Cela, que se achegou ata o centro médico para coñecer a situación de primeira man, recalcou a importancia de que a veciñanza teña "a mellor atención sanitaria posible" e recordou que "xa recentemente tivemos problemas coa cobertura de prazas e non queremos que volva pasar".

De feito, foron os propios veciños os que tamén se achegaron ata o Concello para mostrar o seu enfado por esta situación, que está a supor o retraso de citas médicas.

Desde o Concello, o rexedor mostra todo o seu apoio aos veciños afectados. "Presionaremos para que esta situación se resolva o antes posible e non volvamos vivir situacións de tensión asistencial no noso Centro de Saude", rematou.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora