O alcalde Lores explica aos escolares do San José para que serve o Concello

Pontevedra
13 de decembro 2022

Unha vintena de alumnos e alumnos visitan o Concello para coñecer como actividade práctica para comprender mellor cales son as diferentes administracións do Estado e cales son as súas funcións

Visita de escolares do colexio San Jose ao Concello Mónica Patxot

Escolares do colexio San José foron recibidos esta mañá no Concello polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen explicou ao alumnado cal é o labor de todas as persoas que forman parte do goberno local.

Un total de vinte nenos e nenas de cuarto de Educación Primaria, acompañados por dous profesores, acudiron este martes, ao redor das 12 horas, á sala de xuntas da alcaldía do Concello de Pontevedra. Alí esperábaos o rexedor para responder todas as dúbidas que os menores podían ter achega do funcionamento da cidade.

O motivo que levou aos escolares ao Concello é que nas aulas están a estudar a Constitución, as institucións que compoñen o Estado e como funciona a democracia. Un tema demasiado denso para menores de 10 anos, polo que a misión de Lores era achegar unha visión máis práctica e didáctica do que supón dirixir unha administración local.

"No Concello se decide todo o que se fai na cidade. Por exemplo que festas facemos, canto duran, a organización do Salón do Libro e outras moitas cousas que xa sabedes", comezou o rexedor a súa explicación. Pero non só fixo fincapé en iniciativas lúdicas, tamén lles lembrou que é misión do Concello levar auga potable ás casas, manter as rúas limpas e velar polo cumprimento das normas. 

"En Pontevedra hai moitas pintadas nas paredes", interrompeu un dos escolares. Algo que recoñeceu Lores e aproveitou para explicar que unha das responsabilidades da Policía Local é dar cos "gamberros" que fan este tipo de actos vandálicos. Ademais, fixo fincapé en que é responsabilidade de toda a cidadanía manter a cidade en bo estado. "Igual que recoller os excrementos dos cans cando os sacamos a pasear", engadiu.

O modelo de cidade foi outro dos temas tratados. E para explicarlle a importancia, Lores apelou ao que máis lle afecta a estes pequenos estudantes. "O Concello quitou os coches da praza do Teucro para que poidades xogar sen perigo", díxolles para que entendan os motivos polos que se restrinxiu o tráfico de coches polo centro histórico.

O encontro terminou cunha pequena lección de xeografía. Aproveitando a fotografía aérea de grandes dimensións que colga da parede da sala de xuntas do Concello, Lores axudou ao alumnado para situar no mapa todos os lugares emblemáticos da capital, como a praza de touros ou o estadio de Pasarón.